Insignificante
Esta semana que remata cando escribo, estivo marcada nas noticias da zona mariñá pola visita e exhibicións de parte da Guardia Real. Demostracións que foron para o público en xeral, para colexios e mesmo de presentación de honores. Non podo dicir moito máis que o que apareceu no seu momento como programa para Ribadeo, que recibín coa invitación correspondente, xa que contestei agradecéndoa pero declinándoa.
O caso é que as demostracións sucedéronse en Ribadeo e as vilas mariñáns. Segundo algúns, con pouca xente mirando, segundo outros, con moita. E que a propaganda viuse aumentada moito polo seguimento mediático e pola toma de vídeos e a súa visualización nas redes sociais de Zuckerberg e Musk. Defensor da internet libre fronte á dominada polas grandes fortunas e corporacións, hai tempo que procuro deixar os mínimos datos posibles en mans de quen os usa para ganar máis cartos e restrinxir as liberdades. Como en Mastodon a xente coa que teño contacto non reproduciron vídeos ou noticias do tema, pode dicirse que estou desinformado. Aínda así, chégame o eco por amizades que aínda teñen conta (e úsana) en lugares como Facebook, polo que podo dicir que a rede actuou de caixa de resonancia da propaganda real.
E aí é onde encaixa o título. Polo que parece, nun dos vídeos de propaganda mediática, unha entrevista remata con alguén dicindo, en relación ós actos da Garda Real en Ribadeo, que é algo ‘totalmente insignificante’. É evidente que quen o dixo debía querer dicir algunha outra cousa (ocórreseme ‘totalmente significativo’, aínda que calquera sabe), pero como alguén que non viu as demostracións da garda real máis aló dalgún paseo polo pobo dos militares despois de cear, ocórreseme que podería ser un lapso deses no que o subconsciente toma o control e fai dicir cousas que non se quería pero que dalgún xeito están ancoradas na nosa realidade interior. “Que carece de interese, que non merece ser tido en conta” é o significado. Polo tanto, o subconsciente estaría cualificando de totalmente faltos de interese os actos levados a cabo polos gardas. Independentemente das miñas ideas, non estou de acordo. Seguro que tiveron algunha vistosidade as demostracións, aínda que se teña consciencia de que probablemente non resistirían un exercicio baixo presión real (da realidade, refírome, non baixo a mirada do rei). Tampouco creo insignificante o empregar un corpo militar como vector de propaganda dunha institución que din as enquisas está non demasiado ben considerada por méritos propios (un contraste dobre, que para iso si se podan usar os impostos e a consideración dun corpo militar fronte á da casa real). E tampouco considero irrelevante que, nuns centros educativos onde se procura a educación en e para a paz, haxa unha animación cara ó rei e cara ó militar. Hai tempo que se sabe que aquelo de ‘se vis pacem, para bellum’ debe ser substituído por ‘se vis pacem, para pacem’, é dicir, que se queres a paz o que tes que preparar e coidar é a paz, non preparar a guerra: se tes armas e exército, é para usalo…
Así que, de insignificante, nada. É significativo que haxa institucións que favorezan cousas semellantes.
