O mexo máis rápido do oeste
En tempos, coas películas de vaqueiros triunfando nas pantallas, o da ‘pistola mais rápida do oeste’ ou outra formulación parella eran como apoios lingüísticos, pequenas frases feitas usadas en múltiples ocasións. Lembreino o outro dia despois de ter mexado xa abondas veces no mesmo sitio, e de aí o título.
Cerca de Ribadeo hai un lugar onde o mexar e binario. Non me refiro a unha cuestión de sexo (non sei como vai o tema no correspondente baño de mulleres), senón a que ou é unha mexada relampo ou é ás escuras.
A secuencia seria algo así: apertan as ganas de mexar e un decide ir os servizos. Alí entra nun espazo con capacidade declarada para unha persoa, pero amplo, e acéndese a luz de xeito automático. Se é a primeira vez que o usa, pecha a porta, dá unha ollada para comprobar que non hai urinario, ver a situación da taza, descubre coa mesma o lavabo e diríxese mexar. De pé. Se é rápido, moi rápido, dará feito antes de que se apague a luz. Se non, de pronto as tebras collerán por sorpresa a quen mexa. Son menos de dez segundos de disposición luminosa, cronómetro en man. Logo, un movemento abondo amplo pode volver recomezar o proceso pola nova activación do sensor correspondente. Segundo a sensibilidade do mexador, as ganas, a disposición ou a velocidade, os ciclos necesarios para completar a labor, peche de petrina e limpeza de mans incluídas, poden variar. Tamén, unha vez afeito, pode mexarse ás escuras, se ben as gotas (mesmo charcos) do chan que son visibles nos momentos de lucidez desaconsellan esa opción, sobre todo se hai unha desestabilización pola sorpresa do paso brusco á escuridade: os posibles efectos colaterais que poderiamos englobar dentro do termo ‘molladuras’ por algo que non é auga poden ser pequenos, pero non por iso menos desagradables.
Naturalmente, estamos no caso do que algúns chaman ‘augas menores’. No outro caso, dende a desaparición dos furados no chan como servizo, ou dos ‘servizos de pé’, a xente acostumamos sentarnos na taza correspondente e con máis ou menos tranquilidade ou présa, servirnos do lugar. É dicir, non hai moita posibilidade de apuntar mal por un despiste ou por un axuste de posición simpático (servido polo noso sistema simpático) polo cambio brusco de luz a escuridade. Claro que, a consecuencia do sistema mantido coas augas menores, unha limpeza previa da beira de apoio é algo de manual.
En fin, podería darse algún consello en caso de situación semellante, como o mover de xeito continuo o corpo ou os brazos con amplitude abonda como para manter activado o sensor. Pero esa necesidade, antes de coñecer o lugar, e despois de acenderse a luz de xeito flamante ó entrar, quen a prevé? Iso si, por aquelo de que ‘necesidade obriga’, o lugar é unha escola do bo mexar.
