Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.484 posts
38 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Nota de prensa sobre a intervención política no ensino


Chegoume hai un pouco a nota de prensa que Nova Escola Galega enviou aos medios por algo aparentemente inocuo: a non concesión de homologación sobre unha actividade. Mais… a cousa non é unha anécdota. Aí vai:

Nova Escola Galega denuncia publicamente a aplicación de censura e control ideolóxico sobre unha das súas actividades máis emblemáticas o “XXXVI Encontro galego-portugués de Educadoras/es pola paz. Palestina e máis alá. Educar na vida en tempos de xenocidio” cuxa celebración está prevista para os vindeiros días, 24, 25 e 26 de Abril.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional vén de denegar a petición de homologación previa e provisional desta actividade porque non cumpre co principio de neutralidade ideolóxica establecido na RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2025. Diante desta decisión presentouse o oportuno recurso sobre o que aínda non temos resposta.

Trátase dunha circunstancia inédita para nós. Unha decisión que consideramos moi grave, e que nunca se dera na traxectoria dos Encontros da Paz -nin en ningunha outra actividade programada desde Nova Escola Galega-, entidade que ten entre as súas finalidades contribuír á formación do profesorado, e que vén ofrecendo actividades de formación permanente practicamente desde á súa fundación no ano 1983, someténdoas aos sucesivos requirimentos dos procesos de homologación previstos pola administración educativa desde que se puxeron en marcha.

Queremos chamar a atención sobre varias cuestións que estimamos particularmente graves.

  • Estase estendendo ás actividades de formación permanente do profesorado promovidas por entidades, a aplicación dun principio contido nunha normativa que non resulta de aplicación neste ámbito, as instrucións publicadas en xuño de 2025, orientadas ao desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato no réxime ordinario no curso académico 2025/26.
  • Como xa temiamos as diferentes organizacións que expresamos a nosa disconformidade coas devanditas instrucións, están sendo empregadas como mecanismo de control, neste caso para censurar actividades pedagóxicas que non son do agrado da Consellería.
  • Estase restrinxindo a autonomía do profesorado e a súa liberdade académica á hora de decidir sobre como quere orientar a súa propia actualización docente. Desincentívase unha formación que, no caso destes Encontros, é ademais moi intensiva, en réxime de convivencia, o que significa un esforzo para o profesorado interesado nesta oferta formativa. U-lo respecto pola autoridade do profesorado e polo seu criterio profesional en relación á súa propia formación?

Cando se publicaron as polémicas instrucións sobre as que asenta esta denegación, Nova Escola Galega fixo público un comunicado titulado “NEG contra a censura no ensino”. Algunhas das reflexións contidas naquel texto cobran agora unha relevancia especial. Tal e como diciamos daquela e reiteramos agora “nunha sociedade que reclama respostas educativas a problemas como as distintas formas de violencia, o quecemento global, as diferentes formas de desigualdade, o uso das tecnoloxías – por poñermos algúns exemplos – non é posible ser neutral, nin é tampouco responsable. A neutralidade entendida como evitación, equidistancia ideolóxica, omisión na abordaxe da complexidade nunha sociedade que reclama respostas educativas a problemas como as distintas formas de violencia, o quecemento global, as diferentes formas de desigualdade, o uso das tecnoloxías – por poñermos algúns exemplos – non é posible ser neutral, nin é tampouco responsable. A neutralidade entendida como evitación, equidistancia ideolóxica, omisión na abordaxe da complexidade, implica optar por un perigoso relativismo moral, salvaguardando un presunto dereito á ignoracia, que coloca a institución educativa como cómplice da involución social por incompetencia ou desasistencia. O lugar no que queren colocala quen desde a acción política quere ter a exclusiva para ideoloxizar partidariamente o alumnado.
Só desde este marco se entende o retorno á blindaxe do profesorado como autoridade, unha autoridade desposuída do respecto á súa profesionalidade e ás súas liberdades académicas.”

Na súa dilatada traxectoria, as sucesivas edicións dos Encontros tiveron, entre outros, os seguintes obxectivos: contribuír ao desenvolvemento dunha sensibilidade comprometida, responsable e activa coa liberdade, a democracia e a xustiza; colaborar na consolidación de actitudes e hábitos de tolerancia e de defensa dos dereitos humanos; afondar nunha cultura alternativa de defensa da vida en paz e respecto polo dereito internacional e polos dereitos dos pobos. Todos eles, en liña co mandato de educar nos dereitos humanos que compromete ao conxunto do sistema educativo. As temáticas que se foron abordando neste longo período incluiron a análise de cuestións complexas e controvertidas, como o son os distintos conflitos que afectan á paz entre os pobos, sempre dando pé á reflexión e ao debate plural. De aí que esta iniciativa formativa se manteña como referente ao longo do tempo.

Parece que cando se toca Palestina e a realidade do xenocidio – recoñecido polas instancias internacionais máis autorizadas na defensa dos dereitos humamos – acéndense as alarmas da administración educativa e convén empregar calquera estratexia de cancelación ou disuasión para que o profesorado evite implicarse.

Nova Escola Galega non vai renunciar á celebración destes Encontros ou a realización doutras actividades concibidas desde o compromiso ético como unha fiestra aberta á esperanza nun mundo mellor. Facemos un chamamento á comunidade educativa para manter os seus compromisos educativos co desenvolvemento dunha cidadanía crítica e responsable.

Reaccións do Fediverso
,

Unha resposta a “Nota de prensa sobre a intervención política no ensino”

  1. A “neutralidade ideolóxica” é a escusa, neste caso, dos miserables que rexentan a administración da Consellería de Educación. Da tropa da Xunta non se poden esperar nada máis que despropósitos. Parecen vasalos sionistas, ou quizais o sexan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *