Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Domingo activo por Ribadeo


Os domingos case sempre son días especiais, concebidos para o ‘dolce far niente’ e estragados polo ‘non sapere niente far’. Neles ás veces atopamos unha laboriosidade que non se pode desenvoltar os días de diario e outras un desasosego por non saber que facer ou coidar de non facer nada contra o que lle pide a un o corpo. As dúas fotos de hoxe van por ese camiño, en exploración do que fan e poden facer os pequenos de Ribadeo. En unha delas, os rapaces aproveitan o domingo pola tarde a nova, recén estreada e xa a falta de algún aditamento, ‘U’ para facer valer o que saben no monopatín, tempo despois de desaparecida a anterior no parque de S. Francisco. Esta, certamente, está un pouco máis lonxe do centro, á beira do primeiro pavillón polideportivo. A outra, é algo máis triste: a valla da a imaxe de que se perderon outros dous parterres do parque, ganando o cemento. Fixen unha procura no sixpac e atopei o seguinte:

O conxunto do parque e terreos libres de casa direitamente conectados con el (por exemplo, xardín dianterio da aduana ou lateral do concello) ocupan arredor de 1,68Ha (16800m2). O terreo limitado pola igrexa e os muros do parque (incluíndo o paseo central) ocupan uns 9000m2. Se collemos como parque só ese terreo, atopamos de xeito aproximado unhas superficies de 400m2 ocupadas por verde e árbores no parque de S. Francisco (zona oeste) e uns 1900m2 no parque este (Pza. España), o que fai 2300m2, é dicir, só da orde da cuarta parte do que chamamamos parque é verde. O resto, terra sobre a que se camiña, asfalto, adoquín, … o caso é que lle chamamos ‘Parque’, o ‘Parque’ insignia do pobo, que ten uns 0,25m2 por cada habitante do concello.

Só unha pequena reflexión para ver a que nos está levando a planificación/desplanificación urbanística en Ribadeo.

Xa non me quedan folgos, despois desta asfixia, para dicir moito máis. Para airearse, coller un bo libro e poñerse a leer. Falta fará buscar saída por outros sitios e non polo ‘Parque’ ribadense.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *