Unha volta ollado o informe sobre o PXOM que referín antes, coido que ben ven publicar as alegacións feitas no seu momento polo Tesón. A manifestar que non recibimos ningún tipo de comunicación posterior, e que xa pedíamos unha nova redacción, non variacións aquí e aló, e que o informe da Xunta colle os puntos reseñados:
Quen abaixo asina, D. Antonio Gregorio Montes, Secretario da asociación de Veciños ‘O Tesón’ de Ribadeo, en representación da mesma, segundo o acordado en reunión mantida o 25 de abril, presenta as seguintes
ALEGACIÓNS ó PXOM.
Tendo en conta a documentación presentada como avance do PXOM, o acordo entre o Concello e diversos grupos empresariais para establecer varios convenios urbanísticos, as actuacións en pro da difusión do PXOM e ditos convenios, a legalidade vixente e o parecer da directiva da AVV, expoñemos:
1.Que o actual documento que se presenta como PXOM ten notorias deficiencias en canto que non establece un modelo de desenvolvemento e futuro para o conxunto do Concello nin para as entidades de poboación por separado. Asemade, non contempla tampouco criterios ou obxectivos que poideran favorecer a construcción futura de dito modelo, e deixa por tanto as accións planificadas no mesmo como feitos illados dentro do conxunto, tendo en común pouco máis que o estar recollidos nun mesmo documento,
2.Que presenta tamén deficiencias no detalle miúdo. A este respecto pódense citar a modo de exemplo (e por suposto non de xeito exhaustivo):
2.1.a falta ou o trazado erróneo de camiños, como entre O Somo e a Cabana, en Cubelas,
2.2.o trazado do Camiño de Santiago, que non se axusta ó recoñecido en moitos puntos, resultando arbitrario,
2.3.non están recollidas a modificacións xa habidas na ría, como o novo recheo da dársena N de Mirasol,
2.4.diversos erros ben ortográficos, ben de nomenclatura (‘O Kostal’) ou semellantes,
entre outros moitos que poñen en evidencia a falta de cuidado na realización do documento,
3.Que o PXOM non considera diversa normativa municipal. O anterior pasa por exemplo co RAMINP, que é ignorado citando só normas máis xerais, e aínda é contradito xunto con algunhas destas en aspectos concretos como no art. 153 (p.130, normas de protección ambiental, que tamén contradí outras normas de maior rango en Galicia),
4.Que polo contrario, a redacción actual do PXOM presentado integra dentro da súa literatura unha maioría de temas de lexislación ou definición por normas de rango superior, e polo tanto, substraíbles a citas e anexos. O anterior produce confusión ás persoas que acceden o Plan, soslaiando os temas que son diferenciais, específicos ou susceptibles de variación por non ser de obrigación legal de cumprimento do Plan ribadense. Dificúltase así porlo tanto a comprensión xeral do mesmo e fórzase á persoa interesada a encararse só coas particularidades ou intereses particulares en contra da visión de Ribadeo como comunidade; esto vese incrementado por outros detalles que inducen a confusión (así, a presentación de documentos consecutivos relativos a zonas anexas e aínda solapadas mantendo diferente escala de presentación; vg., fichas 31 e 32)
5.Que consideramos que os convenios urbanísticos tal como foron acordados non favorecen un crecemento harmónico de Ribadeo nin dos seus núcleos rurais. O anterior, a máis de axustarse na práctica ó límite inferior en canto a favorecer ás institucións públicas e ós seus administrados (axustándose aínda en ocasións a lexislación que deixa de ter vixencia no período actual), ademáis de ter unha ubicación inadecuada nalgúns casos e tamén a máis de incidir en contra dos criterios manifestados con anterioridade pola Xunta de Galicia na análise do Plan,
6.Que en particular en ‘O Costal’ o convenio impide tratar a área da ría como é debido ambientalmente, e como é convinte para o seu aproveitamento sostible en óptimas condicións económicas, é dicir, limitando ó futuro Ribadeo nos dous aspectos de calidade de vida e estructura económica,
7.Que ditos convenios favorecen a segunda vivenda de persoas alleas a Ribadeo, a quenes os afincados deberemos subvencionar as infraestructuras a máis de soportar o aumento de custes das primeiras residencias (tanto en compra como en mantemento) sen unha contraprestación clara en canto a crecemento comercial ou noutros sentidos. E, polo tanto tamén neste aspecto, e unha vez excluídos os posibles beneficiarios direitos pola venda de terreos, perxudicial económicamente para Ribadeo,
8.Que a oferta de solo para construcción neses polígonos, guiándonos pola resposta previamente dada pola Consellería e pola lóxica de crecemento posible de Ribadeo, influirá na falta de solo para a primeira vivenda dos xa afincados e dos que poden representar o crecemento futuro do censo ribadense,
9.Que nos convenios que trata de recoller o plan hai asemade pequenos erros en cantidade, que se suman ós referidos antes do PXOM,
10.Que o plan só se tratou de consensuar con empresarios, e esto en plena polémica e demostración de que alcaldía e empresarios forzaron e desvirtuaron no mellor dos casos o plan anterior, e non con veciños, que só tiveron oportunidade de enterarse das circunstancias e condicións neste mesmo mes. Hai que referir que tanto o sentido común tanto como unha adecuada xestión municipal esixiría un tempo abondo maior e unha difusión do plan e contrastación de pareceres abondo máis amplas das que se están a dar.
11.Que a mesma alcaldía refusou a participación en actividades onde se pretendía realizar unha crítica constructiva dos convenios, deixando en calquera caso a técnicos a posible explicación de convenios e PXOM, pero non a discusión sobre a finalidade, obxectivos, criterios ou implicacións sociais dos mesmos ou do Plan, que queda orfo neste sentido,
12.Que se botan en falta estudos de acompañamento ou laterais como un necesario informe independente sobre a sociodemografía no futuro próximo de Ribadeo, previo a un tratamento serio dos aspectos urbanísticos.
Facendo unha recensión dos puntos anteriores, podemos considerar que hai entre eles tres tipos. No primeiro grupo, as alegacións que implicarían só unha revisión pormenorizada do articulado e planos. O segundo grupo, constituído por aquelas outras que implican unha variación de aspectos parciais do plan. O terceiro por fin, por aquelas que fan necesario unha nova redacción do plan. En función destos grupos citados, pedimos unha nova redacción do plan que deseñe un futuro razoado para Ribadeo, contemplando tamén a nivel particular un conxunto de actuacións cohesionado nas diversas zonas adicadas á construcción e realizado cun cuidado que elimine boa parte deses detalles, erros ou omisións que fan en conxunto inválido o plan para o futuro ribadense.
En Ribadeo, a 28 de abril de 2005.