Hoxe tiven unha sensación rara ó leer os titulares de prensa: a de que estamos nunha especie de ‘entre Pinto e Valdemoro’. O conto é que un borracho atravesaba o regato entre os pobos e dixo algo así como ‘agora estou en Pinto’, pero deu un paso atrás e voltou ‘agora estou en Valdemoro’. A cousa fíxolle gracia, e coa borracheira, deu adiante e atrás varias voltas ata que por fin, coa súa compañeira borracheira, caeu ó regato. Tras o susto inicial, dixo ‘agora estou entre Pinto e Valdemoro’. Pois algo así. Aparecen axudas pero son semi axudas. Anúncianse inversións, pero anúncianse e de seguro volverán a anunciarse. Comidas e festexos para maiores, e quedan aí, sen unha política para a terceira idade… as eleccións achéganse e hai que dar tumbos a unha beira e outra, co perigo de facer como o borracho do conto: caer ó fin no regato sen estar nin nun sitio nin noutro, sen cumprir nin acó nin aló. En Ribadeo (ou na Mariña), nin en Pinto nin en Valdemoro.