Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A Torre dos Moreno e Ribadeo


Onte estaba unha tarde clara e luminosa. A Torre dos Moreno tiña boa luz para unha foto. O mesmo o paxaro nunha árbore do parque. O caso é que de lonxe, a Torre da o pego da aparencia en bo estado, como símbolo de Ribadeo. De cerca, xa teño metido máis dunha foto con cascotes e esmendrellamento. O símbolo de Ribadeo, mandato tras mandato de munícipes, segue a estar en mal estado de conservación. E unha lei ribadense que se fixo para obrigar ó mantemento entre outros, deste edificio (obrigada pola xunta, nesta lexislatura, e aplicada só en parte para o casco vello de Ribadeo), está sen aplicar a el ou á a aduana de Porcillán. Non creo que faga falla, pero volto a dirixir ós interesados a ‘Ribadeo falls‘ para pegar unha ollada.

A outra foto non é un anuncio da natureza nin arquitectura ribadense, senón evidenciar algo que non se ve: un vidro en mal estado, totalmente escachado en plena rúa peonil que non se ve (en particular polos cativos, os máis adicados a ‘investigar’) no estado en que está ata que xa é tarde. Ou se amaña ou causará algún problema: saquei a foto precisamente porque remataba de estar a punto de ocorrer cun cativo.

Hoxe péchase a Feira da Ciencia, XIII edición, que coido que está a ser unha das sobresaíntes. queda pouco tempo para que quen queira se pase a visitala.

De contidos culturais habería que falar: onte, dous concertos, en Couxela e na EMMR Hernán Naval, e hoxe presentación do DVD sobre o porto de Ribadeo no Auditorio. Falaremos máis? Espero poder volver estes días a temas que se van quedando sen cobertura no blog.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *