Pulseiriñas de bandeira
Estas verbas quizais deberan ir, pero non van, acompañadas duna imaxe. A explicación de por que é así ven máis tarde.
Hoxe andou un vendedor ambulante por Ribadeo vendendo diversas cousas que levaba consigo, de entre as que me fixei nas pulseiras que tiña na súa man esquerda. Unha morea. Seguro que non baixaban de trinta e probable que por riba das cincuenta. A meirande parte, poñamos unhas 4 de cada 5, eran ‘rojigualda’, pero o resto non eran co emblema galego, non, senón co emblema da república española. Non merquei -para comezar, non son de levar pulseira-, pero quedei coas ganas de ofrecerlle o prezo dunha para tirarlle unha foto coa ristra pulseiril. Se non o fixen foi por un sentimento que encaixa en parte co pudor, porque que non me pareceu adecuado facer a foto a un vendedor na procura do seu pan, negro, de aspecto inmigrante con acento e dificultade de expresión en castelán, co que se poderían facer múltiples asociacións de todo tipo. De xeito alternativo, pasóuseme pola cabeza usar unha ia (vale, se queres, IA, pero para min non merce as maiúsculas) para artellar unha imaxe. Mais o efecto sería parello, a máis do uso de auga e enerxía extra para facer unha copia amañada da realidade. Por iso, quedei sen imaxe para o artigo.
O caso é que o vendedor foi para min unha especie de imaxe da situación actual no estado español. Tratarei de describilo, aínda que pode resultar demasiado xeral, cos erros asociados a esa xeneralización.
Que alguén apareza con pulseiriñas a tutiplén para a súa venda parece implicar que hai mercado para elas; se non se venderan (nin subvencionara a súa produción, que dubido moito que sexa o caso con inmigrantes) aprenderían que non paga a pena facelas e levalas consigo. A máis, a oferta estaba reducida a dous tipos, non habendo no ‘catálogo’ nin emblemas galegos nin tampouco con símbolos asturianos, a pesar de estar en Galicia e a un quilómetro do terreo controlado pola administración asturiana. Con parello razoamento, cabería argumentar que pode que os galegos non sexamos moito de levar símbolos no pulso, mesmo a pesar da proliferación de tatuaxes ou das pulseiriñas que se poden acumular nalgún pulso a raíz da asistencia a concertos diversos. Ou cabería quizais mellor dicir que non somos moito de símbolos identitarios patrióticos.
… O que deixa o manexo dos símbolos pulseirís reducidos ós de simboloxía de nivel estatal, con dous predominantes. Un, promovido polas forzas centralistas, o capital e os medios de comunicación ligados a el, de dúas cores, vermello e ouro, e outro, promovido polo que poderiamos chamar a contestación por iso de tentar promover o cambio dalgunhas leis actuais (un par de exemplos? A monarquía, a lei mordaza), tricolor, vermello, amarelo e morado. O caso é que, coa legalidade actual, o símbolo bicolor debera ser patrimonio común, e non estar monopolizado. Un ‘se le supone’, como rezaba nas cartillas da mili en tempos en referencia ó valor do posuidor do libriño, sen ter que telo continuamente presente como superior e imposto sobre outros símbolos.
Podería falarse asemade da significación de que o vendedor tivera abondas máis pulseiriñas bi- que tri- cor. Evidente que non porque exista moitísima máis xente partidaria da bandeira monárquica que da republicana, como ten quedado amosado en múltiples ocasións dende o célebre ‘non imos facer un referendo sobre a monarquía, porque perdemos’ (non é unha cita literal).
E nesas estamos e seguimos. A un par de días do día do Pilar, ‘Día da festa nacional’ (estatal), que noutros tempos foi chamado ‘día da hispanidade’ e ‘día da raza’. Por iso de ser a ‘raza hispana’ a que despois de redescubrir as indias un Cristóbal Colón de controvertida orixe (veneciano? galego? Catalán?), ó mando dunha expedición fretada pola coroa de Castela, un 12 de outubro de 1492, implantou a hispanidade no que rematou chamándose América por mor do florentino, que non castelán, Amerigo Vespucci. É a iso, á ‘conquista de América’, ó que se asocia a festa do estdo simbolizado pola bicolor, non á monarquía que comezou a instituír a bandeira como insignia da flota de guerra (non da mercante!) hispana doutros tempos.
Pasa o día, e ven un vendedor ambulante vendendo símbolos. Baratiños, por certo. Con moita probabilidade de seren confeccionados por alguén con non todos os papeis que algúns esixen ter en regra par pisar en España sen vir de turismo. Por certo, un termo ese, o de España, que nalgunha época foi empregado para designar ós reinos musulmáns da península…
