Onte, martes 2 de outubro, tivo lugar a presentación de A novela do Bravú, de Xurxo Souto, da man da A. C. Francisco Lanza. Deixo as fotos e texto que distribueu hoxe mesmo a agrupación:
PRESENTACIÓN D’A NOVELA DO BRAVÚ, DE XURXO SOUTO.
Unha vez máis, quen amamos a nosa cultura e a mostramos con orgullo aos catro ventos desde as nosas varandas, puidemos gozar da forza creadora do peta e mago da música bravú, Xurxo Souto. Foi onte (2-X-26), polas nosas rúas e na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho.

Segundo se ía poñendo o sol, e a lúa reclamaba a nosa atención por entre as torres de Donlebún, a forza telúrica do druída de Monte Alto espertou nas nosas conciencias a convicción de que na antítese da morriña paralizante está o poder evocador e transformador do bravú.
Na “Aula Magna” da Biblioteca Municipal El Viejo Pancho Xurxo Souto relatounos como foi agromando no imaxinario colectivo da música galega o rock bravú. Sentados ao carón das mesas da sala de lectura da nosa biblioteca, case sentiamos as vibracións dos remolques dos pascualiños que durante tanto tempo percorreron os camiños e corredoiras ao son das músicas populares. Unhas músicas que sempre acompañaron os labores colectivos e que de novo xorden con forza e poder transformador a través da vitalidade da xente nova, e non tan nova, que sente como lle bule o sangue polas veas. Mozos e mozas que formaron parte de grupos como os Skornabois (veciños nosos da Mariña), os Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón, os Rastreiros…
De tan boa lembranza que lle quedou a Xurxo Souto da súa anterior visita a Ribadeo, o de Monte Alto quixo rematar a velada literaria e musical entoando o “Himno de Ribadeo” composto polo noso veciño e amigo Arturo Mogo. Ronquen as Ribeiras! Medre o mar! Medre Ribadeo! Medre!


