Luz sobre as cámaras (de vixilancia)
Por que nos EEUU están a prohibirse as cámaras con lectores de placas de matrícula (con milleiros xa instaladas) mentres en Ribadeo aumenta o número de cámaras nas rúas? Por que, pola contra, o goberno municipal non instala un só sonómetro cando hai mesmo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas polo ruído, en particular, nocturno?
A pesar de ser abondo menos invasivo da privacidade un sonómetro -que non pode distinguir quen berra, senón só o nivel sonoro conxunto- que unha cámara que permite recoñecer o distraído que se lle poña por diante, pode que a resposta sexa ‘porque non’. Ou sexa, porque si, sen explicación, porque o alcalde, equipo de goberno ou quen sexa que estea ó mando (que ó mellor non son eles, os que andan pola casa do concello) quere que así sexa, sen darlle máis voltas aínda que as teña. Ó fin, non é iso ‘exercer o poder’? Pois iso, exérceno. E logo, poden ate quedar mirando para ver se o entendiches ou necesitan outras medidas para que o entendas. Non, non entender a explicación que non se dá, senón entender que ‘non hai’ explicación.
En realidade, diría que prefiro esa idea, sen máis, porque as outras que se me ocorren son peores, e aprecio os homes e mulleres que cren estar facendo algo por nós aínda que non coincidamos en que ese algo sexa bo.
En relación ó primeiro parágrafo, comprendo que levamos certo retardo en aplicación dalgunha tecnoloxía respecto doutros lugares (no que respecta ós EEUU, máis que nada porque alí din que teñen máis cartos pois inclúen mesmo os nosos). E iso fai que ás veces vaiamos tamén por tras en cousas como considerar que a tecnoloxía non ten a solución a todo, Ou que pode atentar contra a privacidade ou a intimidade das persoas. Iso é precisamente o que está a levar, nos EEUU, a alcaldes e gobernadores (demócratas e tamén republicanos) a lexislar contra as cámaras con recoñecemento de cara ou matrícula e comezando a eliminalas nun momento no que dende a presidencia federal se procura a vixilancia e intimidación.
En Ribadeo, por contra, están a poñelas. Doce, din: a seguridade, por riba. Ou a vixilancia. Mais teño experiencia que tras un roubo as imaxes das cámaras non serviron para recoñecer ó/á encapuchado ladrón ou ladroa mentres era recoñecido o roubado, e mentres no edificio correspondente, cada veciño é rexistrado nas súas diarias entradas e saídas, tranquilamente e usuarios de VUT incluídos. Iso si, segundo din, xa se puxeron multas de circulación por milleiros de euros sen que por iso se note unha melloría no tráfico.
Por outra banda, mentres unha simple app para o móbil como pode ser ‘Physics Toolbox’ permite medir os decibelios que nos rodean, á unha ou ás cinco da mañá, de xeito anónimo, sen atacar a intimidade ou privacidade, e proporcionando datos para atallar o problema do ruído, o concello non instala aparellos (tal parece que foran ‘demoníacos’) de medida de nivel sonoro nin ordena instalalos con limitadores nas fontes de ruído. Claro que que como referencia, a sinxela app xa os ten substituídos. Para que, pensará o alcalde. Pode que, mesmo a el non lle afecte. E é que iso de pensar que se un non se sente afectado, non lle afecta a ningún é algo que está en alza. Falta de empatía, lle chaman.
