Grazas, guiri!
Estiven por titular ‘grazas, madrileño’! Pero por non discriminar decidín ampliar as grazas, aínda que o número relativo de madrileños é evidentemente grande en relación ó total de afectados polas verbas que veñen.
A cousa é que grazas! Por todo! Si, home, muller, pícaros… a todos e por todo! Grazas por impedir que usemos as beirarrúas ou o mesmo unha rúa peonil! Así podemos ter a oportunidade de contemplar as filas de seres especiais que pasan non fronte a nós, senón máis ben sobre nós, como non podería ser doutro xeito! Aprenderemos algún día a comportarnos así? Pode que a nosa campechanía nos impida desenvolver unha actitude tan viril (para os homes) e tan señorial (para as mulleres). Que lucidez iso de ocupar todo o espazo de paso! A anos luz das nosas atrasadas prácticas de compartir a nosa beira coa xente que ven de fronte! Pode que aquí haxa algún adiantado neste sentido, pero está visto que temos que modernizarnos.
Grazas a vos decatámonos das vantaxes que supón o facer cola, mesmo do sublime deses momentos nos que se che colan. Atención, ese feito sublime de ver como se colan non ten nada que ver coa minucia de deixar que pase alguén, sexa porque leva un só produto nunha cola dunha caixa, ou porque vemos/sabemos a súa necesidade ou urxencia. Non, iso son cousas do pobo, dos ‘pueblerinos’ que non están de moda nas grandes vilas, costumes con tendencia a desaparecer. E nin fai falta que vos esforcedes, a cola sae de xeito natural, polo mero feito de estar vos! Algo que aprendemos! Grazas!
E os sistemas de condución e aparcamento? Si, non podemos negar que aquí tamén temos Fittipalidis, pero en xeral poden considerarse meros aprendices (falo en masculino por iso de que parece haber maioría de homes, pero hai mulleres que non lles teñen nada que envexar, non!) fronte ós consumados ‘drivers’ forasteiros. Nin que dicir que as técnicas de aparcamento, sexa en dobre fila, sexa sobre a beirarrúa, sexa nas esquinas, ou mesmo as tres cousas á vez se se presta, son dunha sofisticación que ilumina ós lugareños e que esperamos que nun próximo futuro se impoña tamén aquí.
Por suposto, grazas polos cartos, eses que gastades aquí e que van a parar a algúns petos que logo os distribúen xenerosamente, e que colaboran a aumentar o valor das casas, dos apartamentos ou das humildes terras que aínda quedan en posesión dos locais. Así, por suposto, evítase que calquera descamisado poda comprar, ou mesmo alugar. Faltaría máis! Que logo non hai nin quen traballe para vós? Danos colaterais, pasaxeiros en todo caso e preocupación dos indíxenas que non teñen onde meterse. Pouca cousa ante o rego de billetes que se gastan a mans cheas. Si, que corran os cartos, así un café non o poderá en breves tomar calquera, hai que establecer uns límites claros entre quen pode e quen non. Mesmo nas colas por poder sentarse nalgunha terraza, por suposto. A beleza dos cartos é así.
Grazas por ensinarnos que se pode vivir sen normas, que as normas son para xente de aldea, ignorante de que normas e leis pódense usar para limpar o cu, que non son para xente intelixente coma vos. Aí, estamos no bo camiño: xa hai xente ‘da nosa’ adiantada que se pasa as normas polo mesmo sitio. Claro que co voso exemplo, é máis doado!
Grazas por todo iso e por moito máis. Faríase un artigo moi longo de chegar a poñer todos os agradecementos de vos debemos.
Aínda así, un par de precisións: sabemos que todos os guiris non son merecedores de tanta gracia, pero ó fin, é unha minoría. Ou polo menos, ó non facerse notar, parece minoría. Pobriños, parécense a nós. Tamén hai que dicir que algúns lugareños descastados non estarían de acordo con tanta graza. Nin caso. Ó fin, lugareños, sen máis!
Hai que dar grazas tamén pola aquiescencia municipal, polo saber que as prerrogativas da xente de fóra hai que defendelas. Así, por exemplo, as graciosas costumes asociadas ós berros nocturnos ou os alegres botellóns en céntricos espazos rodeados de vivendas, ambos xa con carta de natureza no pobo. Os dereitos da xente de aquí? Eses ó mellor se poden defender nos días de diario durante o inverno… que é moi longo, non?
De novo, grazas por todo! Sodes e seredes ben recibidos pola hospitalidade desta vila que é vosa de sempre e para sempre.
Con agradecemento, dende Ribadeo.
