Adxunto nota de prensa, fotos e ligazóns:
Homenaxe ó profesor Díaz Fierros na Feira da Ciencia de Ribadeo
“Ribadeo, un faro de ciencia” foi o lema da XXXI Feira da Ciencia celebrada conxuntamente polos catro centros educativos ribadenses esta semana. O primeiro día realizouse unha emotiva homenaxe ó profesor D. Francisco Díaz-Fierros Viqueira, por ser un Faro de Ciencia e de Cultura en galego. Tras a laudatio feita por Roberto Rodriguez, ex alumno e ex profesor do centro, D. Francisco deu un discurso entrañable, insistindo na necesidade dunha educación en valores, reflexionando sobre a importancia da ciencia e felicitando ó alumnado por participar neste tipo de eventos que lles permitirá achegarse a unha ciencia amiga e solidaria, ó servizo da sociedade.
Como agasallo recibiu primeiro un busto realizado coa impresora 3d, grazas á axuda de Conchi Fernández, Asesora de coordinación estratéxica no equipo de Polos Creativos da Xunta de Galicia. Fixo a entrega o alumnado participante de menor idade, de tan só 6 anos, por ser o futuro da Feira da Ciencia e por ser xeración “Polos Creativos”.
A continuación, Alfonso Piñeiro, ex Director do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo entregoulle o Faro da Illa Pancha como agradecemento por ser un gran colaborador do centro dende que impartiu a lección inaugural no cursso 2015/16.
Rematado o acto iniciaron o percorrido pola Feira da Ciencia, comezando por un traballo baseado no comic “Vivir no solo” traducido a 11 idiomas e do que o profesor, como Catedrático de Edafoloxía, foi asesor científico. A continuación foi pasando por moitos outros proxectos. O alumnado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo amosoulle a el e a tódolos visitantes o “Picudo vermello”, a praga que obrigou a cortar as palmeiras do Instituto, “ O Pulmón de Palomitas”, para disuadir sobre o consumo de vapers, Proxectos de actualidade biolóxica como a innovadora “Inmunoterapia con células Car-T, os Resultados do III Bioblitz, Praia sen plásticos, “Cada semente conta” da Unidade de Educación Especial e os traballos que o alumnado do Bacharelato de Excelencia (Stembach) está facendo en colaboración coa universidade de Santiago de Compostela titulados “Que nos fai humanos? A maxia do cerebro” e “Desenvolvemento sostible e Actividade Turística”.
Por parte do Sagrado Corazón, proxectos con nomes como Papel plantable, Misión ADN, Labirinto hidáulico, HortaTech, ou Recicla con IntelixencIA foron moi aplaudidos pois pretenden amosar experiencias que desenvolven día a día na aula, creando futuro a través da curiosidade, da experimentación e da aprendizaxe compartida.
O alumnado do Gregorio Sanz amosou proxectos que promoven a innovación, a inclusión, a atención á diversidade e as competencias STEAM. Ver ó alumnado de primeiro ciclo de primaria explicar o Scratch tactile, rego automático, re-polos ou maio tecendo deixaba ós visitantes abraiados.
Finalmente, o Porta da Auga deu a coñecer as súas ensinanzas con imaxinación e creatividade. Ofertan Ciclos Formativos de cinco Familias Profesionais con gran proxección no mercado laboral como son Administración e xestión, Transporte e mantemento de vehículos, Edificación e obra civil, Electricidade e electrónica e Servicios socioculturais e á comunidade.
D. Francisco Díaz Fierros felicitou ó alumnado polo traballo realizado e rematado o recorrido, aínda tivo tempo para deixarse entrevistar polo alumnado de Radio Gamallo, a radio do IES de Ribadeo dirixida polo profesor Modesto Refojo.
Tras agradecerlle a visita e o tempo dedicado, o alumnado ribadense continuou coas exposición durante toda a mañá pois foron moitos os visitantes. En palabras de Susi Besteiro, coordinadora do evento e participante dende o primeiro ano, “Para todo o profesorado implicado, e cada vez somos máis, é un orgullo poder amosar tantos e tan variados traballos, compartir estes días e que o alumnado de Ribadeo siga sendo protagonista nesta XXXI edición da Feira da Ciencia”
Coordinadora da Feira da Ciencia







—
Relacionado coa XXXI Feira da Ciencia, no blog:
Material gráfico: https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/2026/06/12/feira-da-ciencia-de-ribadeo-edicion-2026-material-grafico/
Nota de prensa e cartel: https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/2026/06/05/feira-da-ciencia-ribadeo-2026-nota-de-prensa/
- Sobre a Feira da ciencia, en xeral:
- https://fqribadeo.ribadeando.com/search?q=Feira+ciencia
- https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/?s=Feira+da+ciencia

