Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.506 posts
40 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A supremacía da empresa fronte ás institucións


A supremacía da empresa fronte ás institucións ou “os ricos non seguen as regras. Por que debería facelo eu?”

Sabes algo de Anthropic? E de Mythos AI? Si? Non? Coido que non perdes moito. Pero como o artigo está relacionado con esa empresa e mesmo ese produto seu, un pequeno resume introdutorio: por marzo (¡como pasa o tempo, xa van dous meses!), o Pentágono usou software de Anthropic para cousas súas. De guerra, vaia. Anthropic protestou. Foi Anthropic a que asinou un contrato correspondente co Departamento de Defensa, agora ‘Departamento da Guerra’ dos EEUU, e logo recolleu aquelo de ‘quen con nenos se deita, mollado se levanta’. Ben, o pentágono dixo que substituiría Anthropic e os seus produtos por outra empresa que lle fora máis dócil. Polo que parece, non a deixou de lado nin deixou de usar os produtos da empresa para as súas cousas particulares. E a empresa, tranquila que xa fixo a escena. Pouco despois saíu nos medios que outro novo produto da mesma empresa, Mythos, podía facer de cracker (é dicir, de ‘hacker malo’; diso, de hackers e o desprestixio que se lle deu á palabra podemos falar outro día) contra software ‘inimigo’ doutro país, outra empresa, un banco a desvalixar, activistas pro dereitos civís, etc. Anthropic decide a quen subministrarllo… Mentres, o Departamento da Guerra fixo as paces coa empresa e viceversa, sen ter que asinar ningún papel de rendición, nin de rendición de contas ó pobo (tampouco ó dos USA). Pode que nada novo entre poderes económicos/empresariais e políticos, pero con maior peso cada vez fronte á diminución dos cidadáns.

A historia segue. Aquelo do ‘fin da historia’ de Fukuyama polo fin do século, despois da derrota do ‘comunismo’ soviético sabíase que non ía a ningures: mentres haxa un outro, hai a quen derrotar, e historia a contar a favor do vencedor. De feito, por aquela máis ben comezou outro tipo de historia baseada nas novas tecnoloxías, que xa non son tan novas. Por exemplo, quen supoñía no 2000, co daquela célebre ‘efecto 2000’ nos ordenadores (que logo non tivo case consecuencias), o desenvolvemento anómalo que terían as redes sociais e a importancia para os cambios de mentalidade e vida da xente? Nesa nova historia, non deixan de chamar a atención tantas cousas… Por exemplo, que a defensa dun país estea en mans estranxeiras debido á dependencia tecnolóxica, non é un paradoxo? Pois a ‘tecnolóxica ultra de matriz nos EEUU’ Palantir disparou as súas ganancias en España despois de vender a Defensa (desta, a defensa española) o seu programa de intelixencia militar Gotham. Si, a dependencia leva consigo non só o propio depender doutros, senón custes en cartos (cousa que axusto porque parece que desas cousas esquecémonos moitas veces).

Na ‘nova historia’ que está a comezarse a contar, xa non son ‘exactamente’ as institucións das que mal ou ben se foron dotando as sociedades, en particular os estados (sobre todo os USA, como imperio do século pasado) quen manda. Aínda que casos como o de Venezuela parezan confirmalo, outros como o de Irán e o estreito de Ormuz desménteno. E China sube, pero non domina, aínda que tamén asoballe á Unión Europea seguindo o exemplo dos USA. Países. Mais quen cada vez asoballa máis en occidente e con menos consecuencias son as empresas. De feito, dámoslles máis poder de xeito case automático. Dos datos sobre nós que os nosos móbiles transmiten para ser almacenados e vendidos ó mellor ofertante, ou adicados a adestrar unha IA, ós enviados polos coches cada vez máis sofisticados: información é poder. Pero non só iso. A partir de setembro, os móbiles Android (máis de catro de cada cinco dos que poidades estar a ler isto) na práctica non van a poder ter máis app que as que queira Alphabet (é dicir, Google). O maior fabricante de chips do mundo di que pode permitirse o non coller máquinas de fabricación de chips máis pequenos (é dicir, máis eficientes, máis rápidos, de menor consumo relativo) porque quere impoñer prezos ó fabricante. Ou aínda, ver ó CEO de Anthropic de copresentador na última encíclica papal, que trata sobre… intelixencia artificial!

E, mentres, cada vez a xente moi moi rica ten menos inconvenientes en saltar as regras, sen que nada lles suceda, presumir de facelo e… dar mal exemplo a todos: se os ricos non seguen as regras, por que debería facelo eu?

Fediverse reactions
,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *