Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.482 posts
38 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Protesta, participación, sociedade


Protesta, participación, sociedade

Unha sociedade na que a xente participa pode ser máis complexa e tamén máis complicada de xestionar, mais iso é precisamente unha indicación de que está viva.
Chamoume a atención unha nova de hai poucos días: mentres houbo menos de dez alegacións previas á aprobación do novo nomenclátor de Galicia, foron máis numerosas as protestas a posteriori da súa aprobación. Estamos a falar, neste caso, de entidades, concellos, máis que de persoas, o que expón mellor as deficiencias de participación, ó verse implicadas institucións, polo tanto con máis forza que persoas individuais para facerse valer. E queixas que son algo que aflora ás claras despois das verbas dunha declaración do alcalde do Porto do Son, que se queixou de ser consultado o concello pero non poder participar no proceso. E iso que o alcalde é do PP, o que -nas actuais circunstancias e mentalidade- supón ter máis facilidade de acceso ó proceso e a quen o leva a cabo e debe aprobalo. Tamén pode que por iso o termo empregado sexa ‘queixa’ e non ‘protesta’.
Non se trata só deste caso concreto, de estar de acordo cuns determinados cambios ou non, o que sería un máis dos casos posibles, senón que a tendencia enfoca en xeral ó sistema de aprobación e aplicación de normas sociais (leis incluídas) animadas e certificadas dende a política. De novo, podería dicirse que os políticos, aínda con moita variación entre grupos e mesmo dentro deles, van polo voto, que transmite o poder do pobo que vota a quen elixe en representación, non axustando logo o poder (quen ten xa o poder) ó mandato que dá ó voto, comezando por esquecer o estar en contacto co pobo para poder levar a cabo esa representación de xeito fiel. Non quere iso dicir que haxa que realizar un referendo entre os votantes de cada representante para poder tomar cada decisión, senón ter a oportunidade de coñecer e valorar de xeito adecuado o que pensa e sinte quen vota.
Pola contra, dende a ditadura non se chegou a valorar abondo a participación cidadá, perdendo os partidos o pouco impulso que en xeral tiñan ó comezo do período constitucional, para tentar establecer as canles desa participación. Unha mostra observable é a imposibilidade de participación nas decisións da administración máis próxima a nós, a local. Aínda que en cada concello é diferente, cando hai algunha posibilidade de participación, soe ser abondo descoñecida e, dun xeito ou outro, dificultada na práctica e mediatizada. No caso de Ribadeo, o máis que se logrou ate o momento, de xeito regulado, é poder preguntar por medio dunha asociación de veciños ó concello con contestación (coa venia do alcalde, que se ten esquecido máis dunha vez, esmorecendo o seu uso dende hai máis dunha década) ó final dos plenos, ou a proposta a partir da convocatoria por parte do concello de ‘consellos’ con participación de asociacións, non ó revés. A variación desa normativa tentouse facer xa hai anos vía a estratificación e dependencia das asociacións veciñais das asociacións de tipo económico (comercia, empresarial…)
Mentres, a participación procúrase nunhas eleccións nas que se nota o medre da desafección ás entidades de goberno e o impulso a acollerse a calquera populismo con promesas que moitas veces se esvaecen nada máis exercer o voto, unha vez impulsado o ‘líder’ correspondente. E así ó longo do tempo, con trabas á participación que non sexa controlada polos partidos políticos, de xeito que as asociacións esmorecen. Non é de estrañar que a protesta se vexa como xeito de participación. E si, é un xeito de participar, pero no que as contribucións positivas vense minguadas o basearse na confrontación e non na construción. Dende logo, non é o óptimo. Pero moitas veces é a única saída para ter oportunidades de participación social efectiva.

,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *