50 POLOS 50

O pasado mes de outubro, Zara lanzou unha colección conmemorativa do seu 50º aniversario que contou coa colaboración de 50 artistas (Almodóvar, Rosalía, Annie Leibovitz, Kate Moss ou Naomi Campbell entre outros) de diferentes eidos creativos.
Os seus beneficios foron para varias asociacións ecoloxistas e a estrea produciuse nunha tenda efémera da céntrica e exclusiva avenida parisina Georges V, aínda que a devandita colección tamén se puido contemplar nalgúns establecementos seleccionados arredor do mundo (un deles na Coruña) e na propia web da marca.
Na mostra incluiuse mobiliario e accesorios para o fogar, sacos de durmir, cazadoras de aviador, gorros con pins, táboas de surf, material de papelaría ou mesmo unha caixa transportadora portátil para mascotas, e a súa filosofía segue a ser a da Casa: o mellor deseño e o mellor talento accesíbel para todos os petos. Asemade, Zara ten previsto doar 20000 euros a cada unha das 50 organizacións benéficas de todo tipo elixidas polos 50 artistas escollidos para participar neste aniversario.
O grupo téxtil Inditex transformou a urbe herculina e toda a contorna. A súa sé está en Arteixo (onde viven moitos dos seus traballadores, o que provocou un incremento tanto da súa poboación como da súa renda), os directivos adoitan residir en urbanizacións da freguesía de Iñás (Oleiros) e, na propia cidade, pódese observar a simple vista a pegada dos chamados “inditexos”: maior porcentaxe de poboación nova e de fóra da Galiza, un marcado estilo indumentario en certas zonas céntricas, certo tipo de deseño nos locais de lecer, aumento do prezo da vivenda, transformación dalgúns barrios habitados por unha grande parte dos seus deseñadores, reutilización das antigas instalacións do porto para importantes eventos de moda… A Coruña sen isto sería outra.
