Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.439 posts
36 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Transhumantes e emigrantes dixitais


Transhumantes e emigrantes dixitais

Sedentarios dixitais: máis ou menos así podemos definirnos boa parte dos usuarios de internet ou mesmo, sen tanta xeneralización, de dispositivos como ordenadores ou móbiles. En canto collemos o noso primeiro ordenador, quedamos pillados, cativos polo MS DOS e logo o seu fillo, Windows, nas diferentes versións, despois de que o CP-M quedara ‘anticuado’, o Unix relegado a tarefas complexas en grandes entidades, etc. Como ‘corresponde’, eses produtos básicos na informática que nos cativaron son todos pertencentes á mesma empresa, Microsoft. A empresa forzou co seu poder ós usuarios para diversos cambios de versións, e a medida que a informática ía diversificándose e incluíndo unha cada vez maior gama de produtos, íamos tamén sendo capturados por un ou outro provedor, sexa de produtos ‘para a oficina’, capitaneados polo tamén microsoftiano MS Office, buscador (dende hai tempo xa, co omnipresente Google), redes sociais (coido que nin fai falta citar nomes), mercados dixitais (Amazon), etc. Nestes anos e coa explosión de produtos, quedarían aínda por citar os vídeos, a música, a mensaxería, etc, como mantedores de monopolios (ou, como moito, oligopolios), da man de empresas multinacionais todopoderosas que nos teñen ben agarrados tanto na costume de uso do(s) seu(s) produto(s) como no formato que non oculta o seu querer ser incompatible con outras posibilidades que nos abrirían o campo, pero sobre todo, no caso das chamadas redes sociais, agarrados pola nosa inmersión na sociedade interna que se crea no produto. Produtos que comezaron tendo como aparente primeiro fin o facerlle a vida máis doada ó usuario (mesmo de balde!), e que, a medida que se consolidaban, ían manifestándose máis e máis como algo do que a empresa podía beneficiarse e cos usuarios cativos.

Chega o punto de dicir que sempre houbo posibilidades fóra dos produtos ‘de marca’, e mesmo agora hai produtos libres (en maior ou menor grao, que hai moito ‘greewashing’) que están aí e son competidores pero están normalmente fóra do radar dos usuarios, da maioría dos usuarios, agarrados polo mercado. Usuarios que cada vez en maior medida están (estamos) a decatarnos que é suicida seguir empregando produtos propietarios de empresas que escapan do noso posible control mentres quedamos á súa mercede, e non utilidades libres, escritas por voluntarios ou por comunidades. Produtos propietarios que transfiren de continuo os nosos datos e con eles o noso control, a empresas e ó seu través, a quen lles pague mellor (e o pago non ten por que ser directamente en cartos).

Despois dun ano de desconcerto europeo, tamén en aspectos de funcionamento do mundo dixital, queda clara unha tendencia dobre, de uso de ferramentas dixitais na procura dunha ‘soberanía dixital europea’ e/ou uso de ferramentas que se podan chamar libres (aínda que retomo o que dixen ó comezo, que existen moitos graos dentro desa liberdade), na procura sinxelamente da nosa ‘soberanía dixital’, sen adxetivala. O último episodio nestes momentos veu protagonizado polo aviso do propietario de Telegram, a segunda empresa de mensaxería despois de Whatsapp de Meta, enviando ós seus usuarios españois un texto atacando unha entidade política do noso estado. Non, non fai falta ‘ser de Pedro Sánchez’ ou ‘votar ó PSOE’, nin sequera estar totalmente de acordo coa pretendida futura nova lei para poñer un pouco de orde no poder uso e efectos das redes sociais, para levarse as mans á cabeza ó pensar como pode darse unha inxerencia tal no funcionamento dun estado por parte dunha empresa estranxeira. Frente a todo iso, a máis de insistir na propia independencia e en que os nosos dirixentes e as nosas leis respalden a nosa (colectiva e individual), queda como resposta a emigración dixital desas plataformas-cárceres a lugares libres no ciberespazo, que os hai. Aínda que ás veces non sexa doado recoñecelos, adoptalos ou adaptarse a eles, e mentres, teñamos que ser algo así como transhumantes dixitais na procura de pastos adecuados para os nosos datos, os nosos quefaceres, para nós.

Aí están esperándonos o fediverso coa súa constelación de posibilidades de redes sociais ou mensaxería, os diversos sistemas operativos arredor do núcleo de Linux para facer correr os nosos aparellos, o Libre Office para as ferramentas de oficina, etc. Non se trata de enumerar todas as posibilidades en software libre ou desenvolvementos comunitarios, faría falta un libro enteiro e visión máis ampla da que poda ter eu (e cando estivera completo seguramente xa estaría atrasado), senón ter claro que existe outro mundo dentro de internet, do noso móbil ou do noso ordenador, no que podemos achegarnos á soberanía dixital. Á nosa liberdade no século XXI.

Unha nota máis: de feito, estes días, o Mastodon esta que bule con propostas alternativas… (podes entras por por amarinha.gal , por mastodon.gal ou outras moitas posibilidades, que che ofrece un enteiro universo dixital, o Fediverso)

Reaccións do Fediverso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *