Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.384 posts
33 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

De quen (e de que) queres depender? Unha reflexión rápida


De quen (e de que) queres depender?

O ser humano -calquera, ti tamén- como ser social, depende da sociedade, do seu entorno humano, para desenvolverse, para vivir como humano. Todos o sabemos de forma consciente ou inconsciente, e asuminos de xeito implícito, incluídas as persoas que parecer rexeitar o ‘contrato social’.

Agora ben, de aí a que nos fagan dependentes no sentido de sometidos a alguén ou algo, vai un longo treito. Treito que no século XXI recórrese rápido, á velocidade de internet. Esa internet que fai de interface de conexión co resto da sociedade, mesmo restando tempo considerable ás relacións humanas ‘ti a ti’. Esa internet pola que nos conectamos moitas veces a programas propietarios que como tal, collen -mesmo sen o noso permiso nin o noso coñecemento- os nosos datos e o noso ser para vendelo a quen pague ou seren aproveitados de calquera xeito polo propietario da compañía correspondente, que, ó ter o noso ser, tenos a nós. Ou esa internet que tanto acapara a nosa atención e da que dependemos para as mínimas cousas, dende as relacións coa administración a pedir comida ou coordinar as actividades a nivel mundial de aeroportos, centrais eléctricas…

Internet ten collida a nosa alma, nun senso parello ó que algunhas tribos afastadas da ‘civilización occidental’ lle daban á toma de fotos, á captura da imaxe da persoa por un artefacto que é capaz de reproducila, e que, segundo elas, coa imaxe tamén collería dalgún xeito o propio ser.

A captura pode ser directa, a través da nosa atención, ou indirecta, a través das nosas posesións, relacións ou servizos que ‘temos’ ou ‘desfrutamos’. Onte souben que os Porsche de Rusia, mercados dende o 2012 en diante, deixaron de funcionar o mes pasado. A razón non está clara, pero un sistema automático que está deseñado para ter conexión continua a internet, perdeuna e bloqueou os coches. E non, non parece nin que fora por cousa de hackers, senón por falta de mantemento despois de cesar a marca as súas operacións en Rusia a raíz da guerra, xa hai dous anos… Nese caso, dependencia, de que? Pero dependencia, si. Ou o sucedido hai xa cousa dunha década, cando Amazon retirou do seu lector de libros electrónicos algún libro ‘porque si’, a modo de censura, e que tal como está a cousa hoxe, podería repetirse en calquera momento, facendo desaparecer nun instante libros mercados que xa tiñas cargado no teu lector electrónico. Ou nas múltiples ocasións nas que se levan roubados datos nosos, de empresas ou da administración, por ladróns ás empresas e institucións, pero tamén polas propias empresas cada vez que pulsamos unha tecla no noso móbil. Ou…

Si, podes ter certa ‘independencia’, se prescindes da tecnoloxía, coa que te teñen atado, a costa de perder moitas cousas ás que estás afeito. Si, de xeito que o mundo queda patas arriba, producíndose efectos como que pode custar máis (cartos e vontade) o estar sen móbil que o telo. Que si, que se non tes móbil nin moitos cartos para ‘delegar’ o uso do móbil, estás illado, es un paria nun mundo no que as redes sociais máis usadas están mediatizadas por empresas privadas, e no que o mesmo sentido de ‘rede social’ variou para ser aplicado case de xeito exclusivo a ‘algo que vive na internet’, non a unha rede de persoas coas que falas de xeito presencial ou coas que te divirtes sen mediar máis ca aire.

Saídas? Non o teño moi claro nin está moi claro que haxa quen teña solucións ‘máxicas’, pero ao menos hai paliativos, coa redución de consentimento de uso dos nosos datos (que a estas alturas costa un traballo e aplicación diarias), a diminución a mínimos do uso da rede con relacións non mediatizadas, a substitución de programas propietarios por programas libres (a notar: en xeral mantidos por xente voluntaria, idealista e non pagada, fóra dos circuítos clásicos de negocio), a elección de sistemas distribuídos fronte os centralizados por empresas … Ti verás o que podes facer, tamén é a túa responsabilidade o actuar e non deixarte levar pola propaganda que di que o (seu) escravismo é bo, que non é tanto escravizar como dar servizo… e que de calquera xeito non tes alternativa.

Mentres, a relación mediatizada pola máquina vai introducindo ruído mental, eco máis que pensamento, mesmo banal, e como na fábula da ra cocida a lume lento, diminuíndo de xeito insensible (e insensato) as túas posibilidades de reacción. Así que, co resto de liberdade que aínda te quede, de quen e que queres depender? De ti?

Reaccións do Fediverso
, ,

Unha resposta a “De quen (e de que) queres depender? Unha reflexión rápida”

  1. @ribadeando O temor a depender doutras persoas a miúdo lévanos a depender da tecnoloxía e do sistema capitalista. Deixamos de depender de persoa achegadas para depender de descoñecidos que nos ven como un recurso máis a explotar. Cando a xente se asocia e colectiviza é cando aprende a depender de persoas que coñece e que ten preto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *