Opóñome a Trump, opóñome ó fascismo, logo son terrorista. Lévame a esa afirmación un sinxelo razoamento, despois de que a pasada semana o goberno dos EEUU (léase ‘o goberno en pro do dominio dos megamillonarios presidido por Trump’) usara esa palabra para cualificar a organizacións pacíficas de apoio a Palestina. Claro que hai que matizar. A afirmación non se corresponde coa definición de terrorismo do dicionario da RAG (Emprego da violencia en atentados, secuestros etc. por parte dunha organización política como medio para conseguir os seus fins) ou do DLE (Dominación por el terror / Sucesión de actos de violencia ejecutados para infundir terror / Actuación criminal de bandas organizadas, que, reiteradamente y por lo común de modo indiscriminado, pretende crear alarma social con fines políticos). E é que non, non se trata diso que entra nas definicións de dicionario como as anteriores ou as que se podan atopar mesmo en dicionarios de uso común nos EEUU e que poda consultar Trump, senón de cousas como que me teña manifestado en público a favor da liberdade do pobo palestino e en contra do xenocidio do que é vítima, e mesmo teña feito algún escrito nese sentido e publicado en Ribadeando e outros medios. Un xenocidio coñecido internacionalmente, pero que ó tempo, ignórase na práctica, o que fai posible paradoxos como o poder ser reprimido como terrorista por defender as vítimas, mentres se acolle con honras a xenocidas e asasinos.
Así pois, esta mañá mireime ó espello e vin en min un terrorista de novo cuño, o cuño feito a medida por Trump, de xeito semellante a outros que foron feitos, por exemplo, a medida por Franco. E teño que dicir que me sinto orgulloso: ás verbas fáiselles cambiar de sentido cos tempos, pero tamén segundo interese á propaganda, e a nova definición que está en marcha de legalizar a ‘terrorista’ como ‘persoa que se opón ó fascismo e os seus intereses’ axéitaseme e considéroa unha honra.
Dito o anterior, e constatado que non só Trump mantén a nova definición de terrorista, a min, igual que a ti que podes estar lendo isto, vixíanme. De múltiples xeitos. E a vixilancia vai en aumento. Quen non vixiaría a un presunto terrorista, verdade? A cousa é que ti tamén estás incluído no saco vixiado. Hoxe todo o mundo está conectado a internet, e iso mesmo significa un fluxo de datos persoais que se pode medir. No meu caso, antes de abandonar Facebook e X hai xa mais dun par de anos, puiden comprobar que Facebook tiña case 1 GB de datos relacionados comigo. Por esa mesma época, Google (que contaba nos seus servidores con cousas como vídeos do seu Youtube algún feito por min) tiña uns 70 GB. E foi doado comprobar onde se atopaba un coñecido en cada momento do último mes só a raíz do seguimento do seu teléfono, datos a disposición das compañías. Anos antes aínda, unha entidade bancaria xa tiña instalado cámaras que controlan as miñas saídas e entradas na casa -igual que as do resto dos veciños ou ti que pases por alí- por mor da seguridade das súas oficinas. Cámaras que non foron capaces de servir de axuda cando no edificio entraron a roubar: os ladrón ocúltanse, están afetios a facelo; os cidadáns de a pé, ‘terroristas’ presuntos ou confesos, non… E, repito: segue a aumentar a vixilancia. Así, no pobo puxéronse hai pouco varias cámaras de vixilancia en lugares públicos, con imaxes que din están controladas polas autoridades. Claro que é difícil controlar ás propias autoridades, facer que controlen como deben, a máis de fallos diversos que podan dar lugar a filtracións e que os datos -os nosos datos- anden pululando de xeito incontrolado por aí. Ou sexa, como terroristas postos ó descuberto publicamente…
