
Hai pouco, nunha conferencia en Barcelona, reivindicábase a soberanía dixital.
Un tema ó que se lle está a prestar cada vez máis atención: precisamente ese, Soberanía Dixital, é o título xenérico que levan os eventos mensuais que amarinha.gal está celebrando en Ribadeo neste 2025 sobre tecnoloxía, e que está ligado co control de internet polos usuarios, por nós, e coa sua falta en moitas situacións. A conferencia cerrou cunha intervención de Cory Doctorow na que, a unha pregunta sobre o que podemos facer os usuarios de internet, no contexto actual para tentar seguir sendo usuarios e non clientes dependentes das grandes compañías, contestou que involucrármonos con ‘movementos antisistema”. Algo que dá a impresión de que tamén medra.
Coido que hoxe por hoxe pouca xente hai que non recoñeza fendas profundas no sistema socio-político-económico actual, no que o último apartado (o económico) está a controlar cada vez máis ós outros dous. As diferenzas entre as fendas observadas por unhas e por outras persoas son tamén profundas. Pero o caso é que de calquera xeito, a súa mera observación xera críticas ó sistema, petición de alternativas, e, en definitiva, o que se podería chamar, ‘antisistematicidade’.
Un exemplo: é un feito en numerosos lugares que a democracia estase a baleirar de significado nun contexto no que o futuro vese tormentoso. De aí a que se procure o futuro noutro sistema que non inclúa a democracia na ecuación hai un paso. Tamén sucede así no caso da rampante desigualdade económica, incluída a imposibilidade de acceso a vivenda entre xente nova ou non tan nova, que fai que se pregunte como podería procurarse un oco no sistema, sinxelamente para ter onde vivir, para poder vivir.
Si, a ‘antisistematicidade’ é un perigo. Éo para o sistema e para quen máis se beneficia del. Para o resto da xente, máis ben pode ser unha oportunidade. E iso, aínda que por un estudo científico, por lóxica, por probabilidades ou por calquera combinación delas e outras posibilidades, se vexa moitas veces como ‘mexar fóra do testo’.
Chegados aquí, hai que ter en conta que antisistema é tanto a xente que quere abolir o capital como a que avoga polo capitalismo como forma de goberno. É dicir, quen se coloca fóra do sistema, tanto nun punto como no outro diametralmente oposto. Os cidadáns de a pé, os ‘un calquera’, o anterior ven como un agravante: en xeral estamos a vivir ‘metidos dentro’ do sistema. É dicir, para ser antisistema, para situármonos fóra, é necesario antes rachar con el, rachar o sistema, rachar os seus límites. Ou sexa, romper dalgún xeito o lugar que nos dá acubillo, as súas leis escritas ou non, e lanzarse ó baleiro sen ter seguridade -sempre é algo novo- de que a caída non vai partir ós osos de quen salta, a máis de deixar algo máis esnaquizado o sistema (moi, moi pouco máis se se fai de xeito individual).
Por outra banda, e volvendo ó comezo: o ‘sistema’ refírese o conxunto de todas as relacións que nos rodea, e dalgún xeito, está a cambiar todos os días. Vivindo hoxe somos antisistema de épocas pasadas.
Unha nota final: hai poucos días que un brazo da antiga KGB rusa pode desconectar internet do resto do mundo, de xeito autónomo, e a calquera ruso… Medida ‘antisistema’ contra xante á que poden chamar, segundo a súa nomenclatura, ‘antisistema’…
