Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.356 posts
33 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A Alcoa trumpiana


A Alcoa trumpiana

Feito a partir de OpenStreetMap. Lic. https://opendatacommons.org/licenses/odbl/

Somos parvos. Aínda podemos estar preguntándonos que foi antes, o ovo ou a galiña, pero mentres, ovo e galiñas existen. Así que, deixémonos de parvadas, miremos arredor e aprendamos da historia (mesmo e sobre todo, recente).

Había unha vez unha fábrica grande, motor de toda unha comarca. A cousa comezou por unha empresa pública xermolada na ditadura e que logo se vendeu, privatizándoa co PP ó temón do estado. A empresa foi amosando o(s) seu(s) talón de Aquiles cos vaivéns do comercio e recursos a nivel internacional, e coa contaminación e a balsa de lodos medrando; esta última máis ben como espada de Damocles. Co fondo deses vaivéns, movementos sindicais e sociais tiveron a súa aparición, mesmo antes de comezar a funcionar a fábrica, coa oposición xurdida á instalación dunha central nuclear en Regodola (Xove) que lle daría enerxía. Pero claro, vese máis o que está máis próximo, e iso, neste caso, lévanos ás protestas sindicais, á veces contra a empresa e ás veces, a favor da empresa. Si, en contra da empresa vixiando polo seu traballo e a favor da empresa polo mesmo motivo, como punta de lanza das peticións empresariais e caéndolle máis lonxe outras reivindicacións veciñais. Fronte a ese movemento sindical, a empresa fixo un clásico, cooptar ós sindicatos cando podía aproveitar e desfacerse deles cando os veu incómodos.

Mentres, na outra beira do Atlántico… Dende o 98, dende Xove non se renden contas tanto a Madrid como a Pittsburg (ou a Delaware, reduto de fiscalidade ‘libre’ nos EEUU onde tributa a empresa), que como é sabido, está subordinada administrativamente a Washington. É dicir, nestes momentos, de depender dalgún político é máis ben dun señor chamado Donald que doutro que leva por nome Pedro e que moitos din que nos afecta máis a nós. O caso é que co anterior señor mandamáis da capital imperial (do imperio moderno, non do vetusto imperio español) parecía que a fábrica mariñá tiña tomado un camiño cara o futuro, por moito que o gusto non fose unánime, cun acordo que asinaron tanto a empresa como os sindicatos e a concesión autonómica de permiso para tirar máis merda. Pero, dende que hai un novo mandamáis, os volantazos, timonazos ou como se lles queira chamar, están á orde do día, por riba das liñas marcadas, permisos concedidos ou acordos asinados. E xa se sabe, os de algo máis abaixo tenden a adaptarse e imitar a quen manda, sobre todo se lles convén xa de saída. E cando a quen manda lle gustan os cartos e a quen está ó mando parcial tamén, pois mellor que mellor. De aí que remate de ler hai un pouco que ‘no día do inversor’ Alcoa adiantou que ‘dixen digo pero con data de caducidade, e dende agora, de aí en diante podo dicir Diego sen compromiso’. É dicir, voume se quero e aí vos quedades coa merda sen máis. Ah, se aínda queredes despois facernos a competencia, xa levantaremos aranceis.

Por certo. Non é a primeira vez que eu (e moitos outros, antes e despois) afirmo que se está a deixar sen responsabilidade a Alcoa. Agora dio o mesmo Presidente do Comité de Empresa, a quen non parecía importarlle tanto nalgunha declaración anterior cando ó parecer se trataba de manter emprego, sen mirar máis aló.

Reaccións do Fediverso
, ,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *