Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.336 posts
31 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A Plataforma pola Defensa das Nosas Árbores convoca este venres un novo acto informativo sobre o futuro centro de saúde de Ribadeo


O pretendido novo centro de saúde sáese do mapa

O pasado luns, 29 de setembro, reuníuse a asamblea da Plataforma pola Defensa das Nosas Árbores para tratar, entre outros, os seguintes asuntos: Informe sobre ruídos, actividades lucrativas nos espazos públicos do casco urbano, competencia desleal á pequena empresa local, deseducación das crianzas con xogos infantis incitadores das violencias, situación do persoal no centro de saúde e proxecto estrela de pechar este centro para abrir outro a un km do casco urbano.

Sobre este último, como xa é de sobras coñecido “as carencias de persoal médico e de enfemería no Centro de Saúde de Ribadeo veñen de lonxe e van para lonxe en vistas do que vemos a cotío e todo o mundo coñece. No momento actual de sete prazas oficiais de médicos de Atención Primaria somente están correctamente cubertas tres, ademais outra está cuberta temporalmente e outras tres están vacantes. Esta realidade está así e vai seguir estando porque a pesar das promesas da Xunta de Galicia e do Sr. Alcalde que declarou que Ribadeo ía ter un trato especial por parte da Consellería de Sanidade, o certo é que van pasando as semanas e os meses e as prazas seguen vacantes, ben sexa por xubilacións ou por outros motivos. Como consecuencia os retrasos para consultas non urxentes son de varios días e as veces chegan as dúas semanas. O mesmo está sucedendo coa pediatra e varias prazas de ATS co conseguinte retraso e deterioro da atención á saude dos veciños e veciñas, crianzas e persoas maiores que sempre son as máis vulnerabeis, as máis indefensas e as máis perxudicadas. Debemos suliñar tamén a grave situación de abandono que sofren as persoas de todas as idades con problemas de saúde mental que cada vez son mais frecuentes, especialmente na terceira edade”.

“A todos estes problemas que, repetimos, non son da semana pasada nen froito dunha circunstancia pasaxeira, senón que se van facendo cada vez máis crónicos e intensos, a única resposta que ofrece a Xunta de Galicia co apoio entusíatico do Concello de Ribadeo é a construcción dun novo Centro de Saúde a un kilómetro do actual e nunha zona especialmente complicada polas diversas dificultades do seu acceso. Ademais da distancia é especialmente perigosa polo intenso trafego de vehículos motorizados a todas horas do día, como temos comprobado, sen que os técnicos da Xunta nen os políticos do concello de Ribadeo se desen por enterados, nen dos nosos informes perfectamente documentados, nen das declaracións de rexeita de numerosas persoas maiormente da terceira edade. O Concello segue tomando acordos administrativos (e políticos) para levar adiante este desdichado proxecto e pola nosa banda seguiremos denunciando o que non deixa de ser unha cortiña de fume que non vai solucionar nengún problema e ainda os vai acrecentar pola distancia e os outros inconvintes do proxecto que xa denunciamos”.

“Para denunciar esta grave decisión política que vai prexudicar ao futuro de todo Ribadeo e non só as persoas usuarias dos servizos de saúde, porque estamos falando dunha deslocalización salvaxe que deixaría orfo ao centro da vila, convocamos un acto público informativo que terá lugar o día 17 de Outubro no local da Casa do Viejo Pancho as oito da tarde, quedando invitadas todas as persoas que o desexen que ademais poderán opinar o que consideren oportuno”.

NOTA: “Cando estábamos redactando este escrito chéganos a nova da corta de cáseque todas árbores de Cabanela e outros espazos próximos, sen que concello teña dado nengún tipo de información ou xustificación. Desgrazadamente confírmanse os temores enxergados nos meses anteriores: Existe unha vontade evidente e un proxecto político estratéxico por parte da corporación actual de ir eliminando progresivamente as árbores do concello, por algún motivo seguramente inconfesable como o demostra esta nova actuación arboricida, ás caladiñas e por sorpresa. O pobo de Ribadeo terá que reaccionar de algún xeito antes de que sexa demasiado tarde e pola nosa banda seguiremos denunciando esta política que só podemos calificar de inhumana, retrógrada e subcultural.

Reaccións do Fediverso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *