Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.274 posts
28 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Un comentario arredor da XXX Feira da Ciencia de Ribadeo


Un comentario arredor da XXX Feira da Ciencia de Ribadeo

Un ano máis, a Feira da ciencia inundou non o edificio do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo mais tamén os espíritos de expositores e asistentes a este evento anual. A trixésima edición tivo sorpresas. E este ano, non só o foron as diversas experiencias amosadas, montaxes feitos polo alumnado ou explicacións de asombran en boca da xente nova que nos ensina cousas que sabe. Tamén tivo lugar o encontro dos centros educativos de Ribadeo. Un encontro que xa propiciara a Feira en algunha edición anterior, pero ó que este ano, co apoio da dirección xeral de educación, se lle puxo o nome de ‘I encontro’, na procura dunha continuidade que se ve como favorecedora para os centros educativos, así como para Ribadeo no seu conxunto.

Con iso, o encontro propiciou que os máis pequenos tamén estivesen representados, con informacións como a do CanSat, participando nun innovador concurso a nivel europeo que fai ós máis pequenos partícipes da aventura espacial en Europa, e non só como espectadores, senón como actores: participan na cúa concepción, elaboración e, na feira, exposición, como os maiores. Unha experiencia na que descoñecía tivera participación un centro ribadense, que a ten xa por segundo ano. Non é nin moito menos a única sorpresa que ofreceron os dous centros educativos dos pequeniños ribadenses. O CIFP Porta da Auga amosou a súa oferta educativa, con diversas montaxes, técnicas e demostracións que podo testemuñar chamaron a atención.

O ximnasio do IES quedou o mércores pequeno para abranguer todas as exposicións.

E, da man de Susi Besteiro, o IES desenvolveu a feira en si, mércores e xoves, con cantidade de montaxes, maquetas, estudos, etc, que non se deben resumir só nos títulos e que abranguería abondo máis que estas liñas o adicarlle algún pequeno comentario a cada un. Aínda así, vaian tres títulos collidos ó chou:

– Otolitos de peixe. Ben, se non sabes o que é un otolito, sempre queda a Galipedia ou a intelixencia artificial, pero garántoche que a explicación non será o mesmo que en vivo e en directo na feira…

– Pedras no ril. Se por desgraza as tes, xa saberás algo delas, pero a completa descrición do que e do como dos tratamentos, xunto coa ponderación para a elección dun deles, podes tela estando san nesta XXX Feira da Ciencia.

– Soláforo. Non sabes o que é? Pois un semáforo autónomo funcionando a partir de luz solar e con vantaxes sobre os semáforos convencionais. A maqueta estaba clara, en conxunto coa explicación.

Trinta anos, pandemia por medio, cambio de centro, alumnos que agora xa son profesores ou pais de alumnos que están participando, son algunhas das características desta feira da ciencia. Se miramos ó futuro, pode que o comezo cara á consolidación dun evento a nivel de tódolos centros de Ribadeo, que a nivel de Ribadeo – sociedade lévao sendo xa hai tempo. E, en calquera caso, algo que ten ó alumnado en primeiro termo, porque a feira é sobre todo, para eles e por eles, para o seu proveito e manexando eles mesmos os útiles que os fan avanzar na comprensión do mundo e na súa xestión.

Xardín de pensamentos de Rosalía. Obra do alumnado do CEIP Gregorio Sanz

Actualización coa nota de prensa do IES sobre as actividades do 11 e 12 de xuño (e algunha ligazón máis):

Ribadeo, 18 de xuño, 2025. O alumnado e profesorado participante na XXX Feira da Ciencia, está enormemente agradecido a tódolos visitantes que se acercaron ao IES de Ribadeo Dionisio Gamallo para coñecer os proxectos presentados.

O segundo día, tivo moitas sorpresas e invitados ilustres. Recén aberta a xornada, chegou Don Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Catedrático de edafoloxía da USC, científico, escritor e membro da Real Academia Galega. Comezou o percorrido no Cubo infinito de mulleres científicas galegas e enseguida descubriu a cara dedicada a Manuela Barreiro Pico e tamén a da súa profesora, Ángela Ruíz Robles. Non dubidou en xogar co Tubo de Lenz, coa Xaula de Faraday, coa Cuna de Newton, co Taboleiro de Galton, coa Curva Braquistócrona ou co Parafuso de Arquímedes. Escoitou atentamente ás alumnas inventoras do Soláforo, da Aula de refrixeración e da Iguana Espantallo. Despois, o alumnado de 3º ESO explicoulle con maquetas a Hemodiálise, a Mitose, e as Tesoiras xenéticas Crispercas9 que están revolucionado a medicina por permitir a terapia xénica que abre as portas á cura de moitas enfermedades. Tras unha breve entrevista que lle fixo Juana Carrera para a COPE, Díaz Fierros rematou o percorrido visitando ao alumnado de 1º Bacharelato que ademáis de identificar os grupos sanguíneo e diseccionar o ollo de vaca, contáronlle que no II Bioblitz realizado polo entorno do instituto atoparon moitos exemplares da bolboreta Cardera que realiza unha migración de 15000km dende terras africanas ata o Ártico. Tamén se interesou polo niño da Vespa velutina e polas trampas que o alumnado de 1º eso fai ano tras ano para loitar contra elas. Rematou a visita escoitando as curiosidades do Peixe globo que ó sentirse atacado, ínchase de aire ou auga ata converterse nunha bola espiñenta intragable e non dubidou en felicitar a tódolos participantes na XXX Feira da Ciencia.
Numeroso alumnado, familias, persoal non decente e profesorado estiveron presentes.

Algúns, xa xubilados como é o caso de Teresa Díaz e María Torres que tamén axudaron nunhas cantas edicións, Roberto Rodríguez, fiel colaborador co centro e Antonio Gregorio promotor da I Feira da Ciencia e que tirou moito do carro ata a XXIV edición. Pero non remataron aí as sorpresas porque ao final da mañá apareceu Francisco Canosa, doutor en xeoloxía e gran divulgador e finalmente Javier Suárez, exinspector do centro que tras escoitar o traballo da disección e funcionamento do ollo, explicou con todo detalle as intervencións ás que tivo que someterse por un problema de vista.

Finalmente Antonio Gregorio, Roberto Rodríguez, Javier Suárez fixeron o acto de clausura. Felicitaron ó alumnado e profesorado implicado: Beatriz González, Noelia González Rejo, Andrés Rodríguez, Javier Rodríguez, Jorge María Ron, Modesto Refojo e Susi Besteiro, organizadora do evento. Entre todos fixeron posible a celebración da XXX Feira da Ciencia e manteñen vivo o obxectivo de que o alumnado sexa o protagonista.

A nota da COPE citada: https://www.cope.es/emisoras/galicia/lugo-provincia/ribadeo/noticias/capa-esclerotica-curva-braquistocrona-parafuso-solafono-argot-random-alumnos-ribadeo-lugo-feria-ciencia-20250612_3168726.html

Reaccións do Fediverso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *