
Parafraseando a segunda parte dunha célebre poesía de Bécquer, podemos preguntarnos: ‘Que é democracia? E ti mo preguntas? Democracia es ti’.
A resposta anterior, que leva aparellada unha carga de dereito, tamén leva unha carga de deber, coa súa responsabilidade. E é ambigua no sentido de que o uso que se faga dela pode ser ‘para ben’ ou ‘para mal’, entendidas ambas opcións nun sentido amplo. Collamos así por unha banda o actual presidente norteamericano ou outro semellante, e por outra un defensor dos servizos públicos que pode ser o teu veciño. O primeiro arrógase algo parello ó que pretendía o rei Sol frances: ‘o estado son eu’. E tenta facer e desfacer ó seu antollo saltando por riba do que e de quen sexa, mesmo por riba da lei, como un vulgar faccineroso con moito poder ou un vulgar rei aproveitado, destruíndo (ou tentando facelo) a quen se lle opón. A idea é sinxela: el é a democracia e non hai máis democracia que a súa. Polo tanto, el define o que é corrupción ou o que implica a defensa dos intereses dos EUA a máis de cales son, e pode cambiar de criteiro segundo os seus propios intereses, como un propietario e director plenipotenciario dunha empresa privada nun entorno anarcoliberal. O segundo, ese veciño teu que loita polos dereitos de todos, tamén está encarnando nel a democracia. Pero neste caso, el non é o estado, senón o defensor do común. Non atopa unha frase tan impactante e rimbombante como a de ‘o estado son eu’, por máis que se achegue a aquel ‘unídevos, parias da terra’ da Internacional. Tampouco anda na súa procura. Nin se lle pasa pola cabeza facer e desfacer el só ó seu antollo destruíndo a quen se lle opoña. Non quere, non vai con el, pero tampouco podería, ou ó menos, resultaríalle abondo máis complicado que a Trump. A súa idea tamén é sinxela, atada ó universal ‘todos somos iguais baixo a lei’, unha lei que trate a todos igual e á que é o primeiro en someterse se o cumpre. Non está só, son lexión. Quizáis podamos dicir, ti máis eu, ‘somos’ lexión.
Tentei comparar no parágrafo anterior dous personaxes que pouco máis teñen en común que pertencer á raza humana e respirar no mesmo planeta. Teño claro que un é un ególatra detestable a quen lle importas ti o mesmo que o planeta enteiro, pois non existes mentres non te entrometas no seu camiño e non poda usarte e manipularte. O outro, podemos chamalo idealista, sabe que non está só e teno integrado nos seus xenes, polo que te considera aínda que non te coñeza e mesmo aínda que moitas veces saiba, co fastidio e contradicións internas correspondentes, que terá que enfrontarse a ti para ter o mellor para todos.
As imaxes que se pretenden nunca reflicten exactamente a realidade, e deixan fóra unha ampla gama intermedia. Pero dan iso, unha imaxe, que podemos manexar mentalmente para facernos cargo da situación. Para facérmonos nós, e non deixar ‘a situación’ en mans doutros, como se foramos seres privados do noso eu, viviramos nos ‘mundos de yupi’ de propagandas e desinformacións diversas, ou como se poidéramos illarnos nunha burbulla illada na que, á nosa escala, mandar como o presidente norteamericano ou calquera dictadorciño á súa escala particular.