Escribir sobre Pepe Mujica. Chamábase Mujica, non?

Pasou o enterro, comeza o esquecemento. Pepe Mujica seguro que o comprendería, a vida segue. Eu, enténdoo, mais cústame aceptar o ‘natural’ esquecer o que pode servir como guía, algo que ilumina, un fito na humanidade. Diferente da invención da roda ou do establecemento do dereito de igualdade entre as persoas, por suposto, pero non menos fito.
Tentarase (ese ‘impersoal se’ tento que me inclúa) frealo. Construiranse diques contra ese esquecemento, como os xa comezados na Wikipedia (https://gl.wikipedia.org/wiki/Jos%C3%A9_Mujica como exemplo)…
É recente a miña sorpresa ó ver que Mujica non levaba acento, que non era ‘Mújica’. Interpreteino como unha metáfora do meu descoñecemento dunha persoa á que fun descubrindo ó tempo que admirando.
Non é tan recente en min o querer escribir algo sobre el, se ben a súa morte precipitou a acción, e aínda que decidira que para min, o ‘minuto de silencio na súa honra’ durase algo máis, ata que percibira que rematara o que se pode chamar a pompa da circunstancia. Decidín esperar a que, como teño lido nalgures, os ‘aduladores que non teñen pensado seguir o seu camiño’ comezaran a dar por rematada a obra de teatro ó seu arredor.
Por outra banda, unha vez finado, rematada a súa historia, o mesmo respecto por el fai que me dea medo defraudar a súa memoria, a súa imaxe, o que representou e representa, pero sobre todo, sinxelamente, o que el foi. Ó fin, non hai tanto tempo que pouco coñecía de Mujica máis aló de tres ou catro cousiñas soltas e toda a carga de sentimento que leva consigo unha figura coa súa valía humana, mesmo despois de ter pasado por unha época terrorista. Si, foi terrorista quen despois chegou a xefe de estado coa democracia mentres tiña claro que primeiro seguía a ser unha persoa, e logo, do pobo, antes que outras moitas cousas que o puideran cualificar. Quen chegou a xubilado e rico en ser, que non cartos. Xubilado e filósofo no sentido de sabio, non de erudito. Líder na definición que abrangue o ir primeiro dando exemplo. E xubilado pero non para os máis: non se xubilou como persoa. É dicir, sabía entón (e aínda sei) o que pode saber calquera persoa corrente; posiblemente, menos do que saibas ti que estás a ler agora. De calquera xeito, teño claro que a súa imaxe e feitos van acompañados de ideas que me gustaría coñecer, ó igual que a el, un pouquiño mellor.
Repito, non me gustaría defraudalo. E por iso son consciente de que necesito non só coñecer as súas ideas, senón tamén actuar. Como el, ser persoa. Algo que coido que el mesmo dixo con verbas parellas máis dunha ou dúas veces…