Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Anexo a ‘Sargadelos e o norte’


Despois de publicar aquí ‘Sargadelos e o norte‘ e velo tamén noutros lugares, como impreso na Comarca del Eo, chegoume un escrito anónimo que circula pola rede. Como público que xa é e como digo, anónimo e polo tanto sen saber a quen pedirlle permiso para publicalo, déixoo en baixo como unha especie de anexo ó citado ‘Sargadelos e o norte’:

CARTA DE IBÁÑEZ A SEGISMUNDO

Amigo Segismundo:
De propietario a propietario de Sargadelos, fálolle desde a sabedoría que me dan os meus 276 anos, permítame dicirlle algunhas cousas coa sinceridade que xa os meus anos me permiten.
Teño a intuición, amigo Segismundo, de que quizais eu sexa un referente para vostede, reforzado pola nosa case común orixe xeográfica na terra dos Oscos e a posterior residencia en Ribadeo, por non falar da nosa común querencia polos negocios e o noso común éxito empresarial que nos deu a capacidade de exercer un poder que noutras circunstancias non teríamos. Non renego da miña boa reputación como emprendedor e adiantado ao meu tempo, á vista de como os historiadores me trataron logo da miña tráxica morte, pero os anos posteriores ata hoxe, no século XXI, tiven ocasión de darme conta de que non todo o que relocía era ouro, e todos temos luces e sombras.
É verdade que fun un empresario adiantado ao meu tempo e tamén é verdade que me aproveitei do traballo das xentes para explotalos e facerme aínda máis rico, grazas o poder que me deu o éxito empresarial e o favor do rei, que me favoreceu porque precisaba da produción da miña fábrica de fundición. Eran outros tempos, pero non me doen prendas recoñecelo a estas alturas da historia. Así que, amigo, tamén iso temos en común, aínda que a vostede non lle guste recoñecelo, porque aínda é moi novo e a sabedoría aínda non lle chegou, por moito que o teña crido.
O diñeiro dá poder e o poder dá a sensación de ter a sempre a razón, ademais de bastante soberbia, dígollo por experiencia. O tempo permitiume ver que hai outras formas de gañarse o respecto das xentes e pasar á historia como un home de verdadeira importancia. Mire, sen ir máis lonxe ao amigo Isaac, seguramente, outro dos seus referentes, aínda que para vostede tivese o gran defecto de non valorar suficientemente o diñeiro e o poder que este outorga.
Isaac foi un gran emprendedor tamén, nun contexto ben difícil, e tivo sobre todo a visión de saber converter a cerámica de Sargadelos que eu fundei como unha mera copia industrial da louza inglesa, nunha cerámica con gran calidade técnica e valor cultural propio, o que lle permitiu ser apreciada aínda hoxe, e a pesar do desastre que a súa fábrica actual está sendo, e seguramente en diante, se vostede non consigue apedrazala de todo. Isaac tamén pasou xa á historia como un home verdadeiramente importante, coas súas luces e sombras.
Chegando a vostede, Segismundo, heille dicir que polo camiño que vai non vai pasar a historia, como seguramente lle gustaría, por ser un home verdadeiramente importante, senón que vai pasar á historia como un impostor. Non chega con querer imitarme a min ou a Isaac para ser coma nós. A vostede gústalle definirse como un hombre republicano, ao mellor para emular a Isaac, tamén lle gusta dicir que é un liberal, quizais para emularme a min, pero voulle dicir que para ser un verdadeiro liberal, hai que selo en todos os sentidos, é vostede é un pequeno ditador, que impón a súa vontade de forma caprichosa e arbitraria, algo que é xustamente o oposto a ser un verdadeiro liberal. Sí está atinado en ser ateo, porque podo confirmarlle que Deus non existe máis que na mente das xentes, aínda que iso non lle outorga ningún mérito, haille moitos máis ateos polo mundo.
Así que, amigo Segismundo, permítame darlle unha recomendación por se quixese pasar á historia salvando algo da dignidade que toda persoa merece: o respecto, amigo Segismundo, non se compra con diñeiro. O diñeiro dalle poder e o poder consigue que lle teñan medo, pero o medo non é o mesmo que o respecto, créame. O respecto gáñase a pulso, respectando e escoitando ás persoas que o rodean, non só aos que o adulan por comenencia, e tomando decisións reflexivas e xustas, para o que hai que ter tamén algo de intelixencia emocional e empatía, algo do que vostede carece. Vostede non é máis que un home que tivo a habilidade de gañar cartos e utilizounos para crear un persoeiro que pretende transcender emulando a dous persoeiros que, coas súas luces e sombras, sí foron verdadeiramente importantes. Así que, amigo Segismundo, a realidade é que vostede, de momento, conseguiu chegar a ser un impostor con cartos. Se quixese ser algo máis digno, o único que podería facer sería darse conta de que non pasa de emular con éxito a Ebenezer Scrooge, o personaxe principal do Conto de Nadal de Dickens, a ese sí que se lle parece de verdade, pero ata este foi máis listo e soubo rectificar a tempo, dubido que vostede chegue sequera á súa altura moral e intelectual.
Atentamente,

Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos a título póstumo


Unha resposta a “Anexo a ‘Sargadelos e o norte’”

  1. Unha moi boa carta. Creo que Ibañez co sentido empresarial que tiña e co seu forte carácter, só utiliria dúas liñas para decirlle o Sexismundo: “agradecerialle que se fora da miña empresa canto antes. Pase pola secretaría recoller o despido sen dereito ao paro”. Deica logo

Deixa una resposta a Pancho Campos Doradoñññ Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *