Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Un telescopio en Ribadeo


Unha foto do 2024

Un telescopio en Ribadeo

Hai algo máis dun mes, o 25 de febreiro, presentei unha denuncia na Guardia Civil de Ribadeo. Tardei en presentala moito tempo despois de tela preparada, e, aínda así, esperei máis de trinta días máis para difundila aquí.

A denuncia trata dun pequeno roubo na Casa da Ría en Santa Cruz, un telescopio auxiliar de non moito valor en si, pero que por unha parte remata de facer de difícil uso o telescopio maior que acompaña, custodiado nas instalacións dependentes do concello ribadense, e por outro, pon en evidencia a conservación de ditas instalacións públicas, motivo principal destas verbas, e, ó fin, causa principal da facilidade do roubo. De feito, coido que a denuncia do esnaquizado das instalacións do concello sería máis relevante aínda, que contrastaría polo estado de abandono.

Non é a primeira vez que me refiro á Casa da Ría, esa instalación que sendo de Ribadeo non leva o seu nome nin tampouco é coidada dende hai moito tempo polo seu dono. O certo é que, ó ir pasando o tempo e ter o telescopio practicamente estragado nunhas instalacións públicas que xa hai moito que foron niño de avespa no vao das súas fiestras ou criadeiro de mofo no seu interior, o que corre perigo na actualidade é o edificio en conxunto.

Para quen non o coñeza, ou necesite lembrar, a Casa da Ría ten un cuarto de século ás costas, e alí se instalou unha pequena mostra explicativa da ría de Ribadeo, se teñen celebrado cursos de diversas materias ou se mantiveron observacións astronómicas pola A.C. Xerfa, e tamén cursiños de astronomía, mesmo despois de que a cúpula que alberga o telescopio da asociación presentara dificultades na súa apertura, dificultades que foron medrando co tempo.

Agora, o que queda das súas contraventás, a máis de ser un perigo, viría mellor como mal combustible que para calquera outra cousa. A porta que dá á terraza é un pequeno obstáculo para o paso, sen peche e movéndose a duras penas sobre o chan entre o que nace a maleza. Escaleiras exteriores e terraza poderían servir de viveiro para substituír as árbores cortadas no pobo; de feito acubillan exemplares máis altos que unha persoa (e teño persoalmente arrincado dúas xeracións anteriores de árbores no mesmo lugar). O panel da porta de entrada á cúpula do telescopio está arrincado e apoiado nas escaleiras interiores, as baldosas que aínda seguen colocadas axudan a gardar as raíces das árbores na súa procura da auga que non desauga por riba da tea asfáltica. E así sucesivamente.

Coñezo o dito de que as cousas do pazo van despazo, mais o desleixo das instalacións públicas de Santa Cruz é evidente. Foino en anteriores alcaldías, e cada vez é máis patente.

,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *