Deixo en baixo unha nota de prensa sobre a Capela da Atalaia que onte difundiu o BNG:
O BNG DE RIBADEO PROPÓN AO GOBERNO MUNICIPAL QUE SOLICITE AO BISPADO O ARRANXO DA CAPELA DA ATALAIA.

O BNG de Ribadeo propón ao goberno municipal que solicite ao Bispado o arranxo da capela da Atalaia, para así finalizar a reforma iniciada por petición do anterior alcalde Fernando Suárez. A actuación consistiría en repoñer a cuberta de cal exterior que protexe a estrutura do edificio, como xa estaba previsto. Naquel momento a actuación non finalizou por falta de orzamento.
Segundo o voceiro do BNG de Ribadeo, Pablo Vizoso: “ Nos últimos días, por medio de estudosos da historia local de Ribadeo, recibimos o aviso de que a estrutura da capela da Atalaia está sufrindo un deterioro importante ao non ter o revestimento en cal que protexe este tipo de edificacións históricas. Segundo indicaron desde o Bispado, no seu momento non se rematou a obra por falta de orzamento, pero consideramos que o tempo pasou e cada vez se fai máis necesario acometer esta actuación. Desde o BNG propoñémoslle ao goberno municipal que solicite este arranxo para así, entre todos, conservar o patrimonio ribadense de xeito decidido. Tamén presentaremos unha moción no pleno e solicitaremos a información do expediente para ver se a través das licenzas e documentación se pode facer presión.”
Así mesmo, engadiu Vizoso: “Agardamos que o goberno municipal recolla a nosa proposta e a traslade, tan pronto como se poida, ao Bispado a petición de inicio desta actuación tan necesaria. Coidar o noso patrimonio é algo fundamental, debemos recordar que a capela da Atalaia é un dos edificios relixiosos máis antigos de Ribadeo. Ogallá poidamos conseguilo entre todos e todas.”
2 respostas a “Nota de prensa: O BNG DE RIBADEO PROPÓN AO GOBERNO MUNICIPAL QUE SOLICITE AO BISPADO O ARRANXO DA CAPELA DA ATALAIA”
Supoño que eles teran enchufe porque van sempre a todos os actos relixioso-politico dende l comezo da democracia incluida a rogativa a virxe dos remedios que se celebra dende 1938 para dar grazas a virxe no segundo ano do levantamento fascista e ala vai o BNH cada catro anos a facer as reverencias.
Algo que tamén foi tratado no blog máis dunha ve, por exemplo, aquí: https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/2019/09/16/ofrenda-aos-remedios-representante/