Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

O galego exposto nos cemiterios


     A Agrupación Francisco Lanza desenvolverá a exposición ‘Un percorrido polos cemiterios de Ribadeo a través do galego‘. Terá lugar na Oficina de Turismo de Ribadeo e no seu horario de apretura, dende o Sábado 19 de outubro ás 12 da mañá (acto de inauguración, con música e poesía) ate o domingo 3 de novembro.

    A exposición contempla fotografías de lápidas en galego nos cemiterios do
concello de Ribadeo. Son arredor de 100 as lápidas que
empregan o galego, moitas delas con epitafios de todo tipo, desde
expresións de amor e lembranza a alusións ao carácter, profesión ou
vocación. Naturalmente, non se poden recoller todas, amosando só as que se considerou que tiñan un epitafio diferente ou algunha característica
especial.

   Na Agrupación Cultural Francisco Lanza considérase que a
lingua dos mortos ten que ser a lingua do noso país, ou cando menos a
que a xente que alí mora falaba na súa vida. A lingua é unha parte
moi importante das persoas, consubstancial a elas, e tamén é un feito
colectivo. Por iso, do mesmo xeito que se fai en vida, tamén é de uso para sinalar o feito final da morte.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *