Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Un de cada cinco galegos será tamén galego


Un de cada cinco galegos será tamén galego

    Hai poucos días, unha nova de prensa titulaba ‘Uno de cada cinco gallegos será extranjero’. Coido que, aínda entendendo o que pretende informar, é un titular nefasto, por varias razóns. A primeira, pola mera contradición na construción da frase: se es estranxeiro (é dicir, doutro país), non podes ser galego, e viceversa. Pero poñamos que se colle o de galego nun sentido amplo, e que iso fai que a construción non sexa contraditoria. Sería pasable. Coido máis perigoso o establecer no titular unha distinción entre galegos e galegos. Se os ‘estranxeiros galegos’ son galegos, deberían tomarse como tales, sen diferencias. O contrario leva consigo problemas.

    Si, tamén leva problemas o facer que os estranxeiros galegos sexan galegos a secas, pero son problemas antes de, problemas para lograr a equiparación, problemas para establecer criterios, bases para tomar decisións… É dicir, non son problemas a posteriori, enraizados xa nunha sociedade con cidadáns de primeira e de segunda, e coa única saída de longos enfrontamentos e frustracións, cunha creba social. Esas dificultades, os problemas, son algo que xa existe e se ve e se sofre a diario, pero que máis ou menos pode dicirse que é algo que non está legalizado, co que aínda que con desvantaxe, pódese loitar contra el no sistema actual. O facer cidadáns (a secas, ou sexa, ‘de primeira’) e cidadáns con adxectivo (ou ‘de segunda’) levaría a ter que facer cambios no sistema para poder amañar algo. Ou sexa, ben máis difícil nun sistema que fai augas tamén por moitos outros sitios, pero que polo momento, é o que temos.

    Mais titulares como o que cito están a facer esa incrustación de problemas para o futuro pouco a pouco. Seguen a o camiño equivalente non tanto a sinalar a orixe dos galegos e galegas, senón que o que sinalan e fan fincapé é na diferencia desa orixe, e na súa galeguidade.

A sociedade galega, como calquera outro corpo social, ten moitos problemas, dende a demografía, que se entende como tal co vello esquema inaplicable hoxe do medre continuo, á integración da xente que vén de fóra, que dalgún xeito se pretende que exista como asimilación pero que non se pon en marcha, non se practica, de ningún xeito. E así, ó tempo faise fincapé na necesidade de ‘atraer man de obra’ e no desexo de ‘Galicia para os galegos’ (cabería engadir ‘de pata negra’, ou, máis aínda, para algúns galegos con posibles). Fálase da necesidade do seu traballo, para pagar as pensións ou a sanidade, o sistema social, ó tempo que asoma como asombro que as persoas que están a facer ese traballo estense a beneficiar do sistema que contribúen a manter. E no medio, corren bulos de todo tipo, e seguirán a correr. Pero, a máis da xustiza social ou a moral, os números amosan que as cousas irán mellor se, no futuro, adoptamos mellor un título parello a ‘Un de cada cinco galegos será tamén galego’, sen máis.


Unha resposta a “Un de cada cinco galegos será tamén galego”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *