Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Comunicado do BNG


    Despois de escribir eu no blog a entrada “Comparando documentos cara ó pleno de onte“, recibo do BNG o seguinte comunicado, en parte relacionado tamén co pleno. En baixo, audio:

O BNG LAMENTA QUE SE DUPLIQUEN INNECESARIAMENTE OS PLENOS
MEDIANTE A REALIZACIÓN DE CONVOCATORIAS EXTRAORDINARIAS QUE PODERÍAN
SER INTEGRADAS NUN PLENO ORDINARIO, QUE XA VAI CON RETRASO.

O BNG de Ribadeo quere facer saber á cidadanía
ribadense que este xoves pasado, dezaseis de novembro, tivemos un
pleno extraordinario que ben se podería
ter integrado no pleno ordinario que tocaba facer a principios do mes
de novembro, que xa leva dúas semanas de retraso, e que aínda está
sen axendar. Se é certo que urxía aprobar os puntos que conformaban
a orde do día deste pleno extraordinario, por que non se deu
convocado o pleno ordinario que tocaba a principios deste mes?
Retraso na convocatoria dos plenos, retraso no comezo das obras do
Hospital Asilo… Non é de estrañar: cando se dedica máis tempo a
especular con como podería ter sido a negociación da reforma de
edificios emblemáticos de Ribadeo, ou a difundir insinuacións sobre
o anterior goberno, despois bótasenos o tempo enriba e non damos
preparado a convocatoria dos plenos ordinarios, ou temos que convocar
á oposición de forma extraordinaria a través dos medios de
comunicación.


Así foi como soubo o noso grupo municipal que ía
haber pleno extraordinario este xoves dezaseis ás oito da tarde:
lendo o xornal o mércores pola mañá. E non vale a escusa de que,
como era pouco o que había que tratar, tampouco facía falta tanto
tempo para preparar o pleno. O señor alcalde quere reducirnos o
tempo de intervención nos plenos, pero semella ter a intención de,
pouco menos, duplicar o número de plenos. Non se entende moi ben.
Hai algo que non cadra. Non vemos ningunha razón obxectiva para que,
podendo abordar un punto nun pleno ordinario, se force a convocatoria
doutro extraordinario porque non se dá convocado o pleno ordinario
que tocaba a principios de mes. Aumenta descontroladamente o gasto en
determinadas partidas, aumenta o número de plenos… Cando se vai
introducir un mínimo de racionalidade na vida do concello?


Pero, sobre todo, cando vai deixar o señor
alcalde de especular co traballo feito polo anterior goberno? Cando
vai deixar de encirrar sobre o labor político do anterior goberno e
do BNG, o partido que o sustentaba? Cando vai deixar de presumir do
que outros fixemos anteriormente e nos vai dar a coñecer os seus
proxectos? Cando nos vai comunicar a cantidade de diñeiro que a
Xunta vai poñer a disposición do Concello de Ribadeo para reformar
integralmente o Hospital Asilo? Cando van empezar de verdade as obras
do Hospital Asilo? Xa van cento sesenta e dous días coa xente maior
de Ribadeo lonxe da súa casa, nunha residencia que lles é estraña,
e non se lle ve trazas ao asunto: moito carteliño e moito conto,
pero movemento ben pouco. Esperte, señor Vega! E déixese de lerias
e de comenencias.

 



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *