Sabido é que o concello de Ribadeo (igual que outros moitos) mantén un servizo de novas que distribúe ós medios para a súa difusión, ó tempo que as colga na web. Máis ben isto último con algo de retraso para dar avantaxe ós medios.
O que as novas teñan un lugar na propia páxina web do concello permite facer análise dos datos. Mesmo sen meterse en temas como que unha nova poda ser o cambio de horario da biblioteca municpal mentres outra dá difusión á recepción dun deportista no concello ou outra máis avisa dunha actividade que se realizará. Por exemplo, ver a evolución das novas publicadas nos 100 primeiros días despois de constituírse o concello tras as eleccións, collendo varias eleccións. A isto corresponde a gráfica que deixo a continuación
E, na gráfica vese un ascenso do número de novas emitidas polo concello nos 100 días posteriores á constitución da corporación. Algo que hai que matizar en varios sentidos.
En primeiro lugar, o concello en conxunto, e o alcalde en particular, non só se comunican cos medios mediante as notas. Así como hai anos, de non emitir notas pasouse a que ese fora a forma preponderante na relación coa prensa, coido que en certa forma está habendo un retroceso no sentido de que as notas cada vez son máis de trámite.
En segundo, as notas do concello dirixen a actualidade das noticias: non son só información senón tamén propaganda e orientación de ideas e miradas. A proporción dunha e outra cousas pode ser moi variable, a pouco que se vexa só o titular das novas. Pero é evidente que non todas as notas teñen o mesmo peso (e difusión).
Xa en relación só ó número, e á vista do gráfico, hai que ter conta que hai un aumento dunha elección a outra, pero non debe enganarnos o feito de que o aumento sexa menor entre as eleccións de 2015 e as pasadas que entre estas e as máis recentes, pois foi nas de 2019 cando houbo unha diminución de membros da corporación e do equipo de goberno. É dicir, de posibles ‘emisores de notas’. De feito, noutro gráfico poderíase ver que foi no 2015 cando máis aumentou o número de notas en relación ós cen días correspondentes do ano anterior (non que non tiveron lugar eleccións locais) mentres neste 2023 mesmo diminuiu lixeiramente o número.
De calquera xeito, a vista do histórico dos números, coido que se poden facer varias previsións e/ou constatacións. Entre elas, que o número de notas emitidas polo concello, e polo tanto, a guía que dende a alcaldía se exerce sobre a opinión pública dos administrados, segue coa tendencia a aumentar. Ou que a relación entre notas emitidas, coas características de ‘nota de prensa’, documentos colgados na sede electrónica e outras novas sobre o concello -que dun ou outro xeito necesitan da colaboración da estrutura política ou administrativa do mesmo- segue a estar en mans de quen manda no pazo de Ibañez, aproveitando unha ou outra posibilidade ó seu chou. Ou que, en relación á formación da cidadanía, segue a dominar a idea de provocar seguemento sobre o exercicio da crítica e potenciación cidadá. Ou aínda que dar as novas xa feitas ós medios facilita o seu traballo ó tempo que os afai a unha certa dependencia. Entre outras.