Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

NO PASAMENTO DE MANUEL SANJURJO LANCARA O “CHOUPIN”. Evaristo Lombardero Rico


NO PASAMENTO DE MANUEL SANJURJO LANCARA O “CHOUPIN” 

 

     
Penso que a mellor homenaxe que se lle pode dedicar a Manolo o Choupín é relatar polo miúdo a sua contribución á creación da actual
Escola de Música
 e da Banda de Música Municipal. 

    
En primeiro lugar, compre lembrar que Manolo non chegou a actuar
na banda que dirixiu o Valenciano no 1961, pero asistiu á escola de
música que se tivera organizado por aquelas datas. Cando se disolveu a
banda, Manolo fíxose con gran parte das partituras
e documentos da antiga banda na procura de que algún día volvese a
rexurdir. Daquela tiña 18 ou 19 anos, pero xa lle andaba na cabeza a
idea de poñer en marcha de novo a Banda de Música de Ribadeo.  

     
Nos meses anteriores a novembro de 1998 falamos varias veces de
este tema, pero a decisión de levalo adiante non se concretou ata un
sábado de ese mes tras unha breve conversa na porta do Costa Verde. A
xulgar por outros datos que gardo en papeis, debeu
de ser o día 19 de Novembro e tivo que ser un sábado porque os dous
estábamos fóra do traballo. Tomada esta decisión, quedamos ao día
seguinte para empezar a concretar os pasos a seguir. O primeiro que
acordamos foi constituír unha comisión xestora con persoas
de Ribadeo que supoñiamos estarían de acordo ca idea. Asi foi como
pensamos que Carlos Diaz Suárez (Carlos da Moda), antigo violinista e
participante en diversos grupos musicais, José Loredo Mántaras (Pepe,
director da Caixa de Aforros),  clarinetista
na banda antiga, Ana María Rodríguez Oroza (Ani a de Celso, comercio)
partícipe en numerosos actos culturais, Antonio Deaño Gamallo, profesor
do Instituto, e Antonio Gregorio Montes, profesor de FP,
poderían estar interesados en participar no proxecto. Nos días
seguintes falamos con cada un deles e todos aceptaron de boa gana, aínda que
algún era un pouco escéptico polas dificultades que poderíamos
atoparnos. Pero xa dende o primeiro momento o optimismo de
Manolo arrolaba con calquer dúbida que se puidese presentar. A primeira
xuntanza formal desta comisión xestora tivo lugar o día 29 de novembro
e dela deuse unha nota informativa que saeu publicada en La Comarca del
Eo o día 11 de decembro. A segunda nota
informativa publicouse o 18 e nela xa se perfilaban un pouco máis os
obxectivos: poñer en marcha unha Academia de Música que nun prazo
aproximado de 24 meses permitise a creación dunha Banda de Música,
creación de una Sociedade Cultural que sería legalizada
trala dimisión da Comisión Xestora, contratar un director que debería
ser un músico profesional con experiencia en bandas de música, etc. Na
mesma nota anunciábase que xa se contaba con mais de cen compromisarios
dispostos a apoiar o proxecto e convocábase
a primeira xuntanza veciñal para o día 23 de decembro no local da Caixa
de Aforros. Convén comentar aquí o asunto dos compromisarios porque a
laboura de Manolo foi absolutamente decisiva. A Xestora acordara fixar
unha cuota mínima de 2000 pts/ano, sen perxuicio
de que alguén quixese aportar unha cantidade mais alta. Consideramos
que unha cifra de 300 compromiarios sería axeitada para comezar a dar
pasos mais concretos. Para este fin elaborouse unha folliña que deberían
asinar as persoas que o desexasen, comprometéndose
a facerse socios e abonar o mínimo devandito. Pois ben, entre o 29 de
novembro e o 18 de decembro xa tíñamos mais de 100 persoas comprometidas
a apoiar o proxecto e a maioría de elas por obra e gracia de Manolo,
que, carpeta en ristre, abordaba ao primeiro
que pasaba para metelo no proxecto. A finais de xaneiro xa tíñamos mais
de 350, con un compromiso que rebasaba 1 millón cen mil pts., polo que nos
decidimos a convocar a praza de director. Nesta fase tamén houbo outra
intervención de Manolo que debe suliñarse. A xestora tivera acordado
poñernos en contacto con directivos de bandas de música de vilas
ou concellos pequenos, para asesorarnos sobre as sua experiencia,
dificultades, financiación etc. Así foi que falamos con músicos e
xestores das bandas de Luarca, Candás, Noia, Chantada e algunha máis que
non me lembro. Daqueles contactos saeu reforzada a
idea de crear una asociación veciñal como base de apoio e buscar
convenios e subvecións do concello,  Deputación
ou outras entidades, pero manter a independencia da xestión en base na
participación popular. Nestes contactos a actividade de Manolo tamén foi
salientable.

     
O seguinte paso foi a contratación de un director para a escola e
a banda. A Xestora tivo moi claro dende o primeiro momento que era
imprescindible contar con unha persoa cualificada, ou sexa con formación
musical profesional e con experiencia concretamente
en bandas de música. Naturalmente esto prantexaba a cuestión da
financiación. Durante un tempo baraxouse a posibilidade de buscar un
músico militar xubilado porque Manolo tiña contactos en Ferrol e fixo as
correspondentes xestións, pero aquelo non deu resultado.
Finalmente o día 12 de febrero de 1989 publicouse en La Voz de Galicia
(este é o recorte de prensa que conservo, anque supoño que tamén se
publicou en outros medios) a nota que reproducimos.

      De aquel chamamento
tivemos dúas respostas. Unha delas dun profesor
de violín do Conservatorio de Santiago, con un amplo curriculum, que
nos propuxo vir dous días á semana e non tiña experiencia en bandas de
música. A outra era un home xoven que tocaba o saxo en Los Satélites ao
que lle faltaba unha asignatura para rematar
a carreira, pero tampouco tiña experiencia en bandas. A Xestora
considerou que ningún dos dous candidatos se axustaba ao perfil que
buscábamos e durante uns días quedamos a agarda de outras novedades. E
Manolo, que non paraba de buscar alternativas contactou
con amigos de Mondoñedo que estaban intentando recuperar a antiga banda
de música no seu concello, que levaba varios anos estancada. Unha destas persoas foi a que informou a Manolo sobre Hernán Naval. Eles
tiveran un contacto con Naval pero, polas circunstancias
que fosen, non chegaran a un acordo. Deronnos o teléfono de Hernán e
Manolo encargouse de chamarlo. Así foi como o 25 de febreiro de 1989
ceamos no Bar Oviedo, Manolo, Naval, outra persoa que viña con el e o
asinante. Alí lle presentamos ao que despois foi
o director da escola e da banda o proxecto que matinábamos e puidemos
comprobar que en liñas xerais estábamos de acordo cas ideas que el tiña
sobre as bandas de música populares. Como sempre, Manolo puxo a sua
capacidde persuasiva a toda máquina para convencer
a Naval de que alí estaba o seu futuro. Ao cabo de poucos días Hernán remitiunos unha carta na que
expoñía a sua concepción da escola e banda de música, o seu curriculum e
as suas condicións. A xestora analizou o asunto e estivo de acordo en
seguir adiante e contratar a esta persoa aceptando
as súas condicións. Tamén por aquelas datas iniciáronse os trámites
para legalizar a Asociación de veciños “Amadores da Música” e Manolo
aportou uns estatutos de colectivos similares.  

      
Este é o resumo do traballo de Manolo o Choupín nos meses
iniciais da creación da Escola e a Banda de Música de Ribadeo, pero
ainda hai dúas anécdotas mais que reflicten a suú incansable laboura.
Nunha data que non recordo acordamos solicitar a Casa do
Mar, daquela xestionada polo Instituto Social da Mariña e que tiña en
desuso a gran maioría dos locais. Así que fomos a Lugo a visitar a o
inspector D. Pedro Reimúndez, presentámoslle o proxecto e o que
levábamos feito e xa sobre a marcha decidiu ceder en
precario o uso da planta baixa a Amadores da Música para os fins
devanditos. Asemade, xa iniciadas as clases e legalizada a asociación,
acordárase que os alumnos e alumnas financiarían os instrumentos
pequenos, pero a tuba custaba mais de 350 000 pesetas e
decidiuse solicitar unha axuda á Deputación de Lugo. Foi outra vez
Manolo o que tomou contacto con D. Enrique Rodríguez, vicepresidente da
Deputación e alcalde da Pontenova. Sempre nos quedou a dúbida de se
algún membro da xestora, antigo amigo de Enrique,
lle tivera dado un toque sen decilo, antes da nosa visita. O caso foi
que saímos do seu despacho
 co compromiso de financiar a tuba pola Deputación, cousa que se fixo efectiva en poucos días. 

     
Ate aquí a miña experiencia da participación de Manolo o Choupin
na creación da nova Escola e Banda de Música de Ribadeo que se iniciou
en novembro de 1988. Entendo que foi unha laboura desinteresada,
entusiasta, eficaz e sobre todo movida polo anceio
noble de ouvir de novo os sons de unha banda ribadense soando nas rúas e
nos concertos. Os e as ribadenses deberan recoñecer este esforzo de
unha persoa singular que dende os 18 ata os 51 anos nunca deixou de
soñar que algún día poderían cumprirse as súas ilusions
e tivo a oportunidade de velas facerse realidade. 

     
Pero sería inxusto non lembrar agora a colaboura sempre agarimosa
e incansable de Calala, a súa dona, á que acompaño dende eiquí no
sentimento e desexo a maior ventura como ao resto da familia. 

 

E. Lombardero Rico
     

24 xaneiro 2023


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *