Foto de Singapur tomada de Google Maps. amosa que Singapur está deshabitado… |
Resucitou, resucitou, aleluia!
Unha vella canción de igrexa veuseme á cabeza a conto dunha noticia. O titular dicía: resucitan moléculas de neandertais para loitar contra as superbacterias. O certo é que non foi o único pensamento que se me viu, en auténtico tropel xerado polo titular da nova. Tamén imaxinei unha estrutura molecular cunha espada nunha man e un escudo na outra, imaxe máis gráfica que portando unha ametralladora. A imaxinación dá para iso e para moito máis.
A imaxinación, si, pero a realidade, aínda podendo ser inimaxinable, soe ser abondo máis limitada, ten que seguir unhas leis por moito de que por exemplo, algunhas poidan ser de predición estatística. Así que, tentando unir o titular e o real, entre as primeiras consideracións estaría o cavilar sobre a (escasa) cultura científica que se mantén na nosa sociedade.
Por se non lembrara outros casos anteriores, ó día seguinte atopo no mesmo xornal outra frase, desta volta como pé de imaxe, por riba do titular: ‘En Galicia, o 97 % do territorio é rural e unha proba é esta imaxe aérea na que se ve a aldea (…)’. A “proba do algodón”: temos unha imaxe aérea dunha zona onde se ve só unha aldea e é proba (unha, pode haber máis!) de que o 97 % do territorio é rural.
En tempos das fake news non nos asustamos de xeito doado das parvadas que podamos ler nos xornais ou obter doutros medios de difusión; sinxelamente, son demasiadas. Mais no caso das relacionadas coa ciencia, en termos xerais teñen unha característica común: son só iso, ‘cousas’ que se poñen pensando que máis ou menos corresponden coa realidade, sen malicia, sen segundas intencións tendenciosas para ocultar a realidade ou colgarlle o sambenito a alguén. É dicir, só son redaccións que xorden do descoñecemento das bases científicas da nova que se pretende transmitir. Pero o resultado é o que é: desinformación, transmisión de ideas falsas, inculturización.
Volvamos ó comezo, ós dous casos. No primeiro, as moléculas, para resucitar, terían que ter estado vivas nalgún momento, e volver á vida. Mais a RAG é clara, algo está vivo se medra, se reproduce, etc. Só coa primeira condición, con que medre, o titular xa non parece posible: o mesmo dicionario di que as moléculas son “A máis pequena parte en que se pode dividir un corpo sen que este perda as súas propiedades.” Evidentemente, se medran, xa non é a parte máis pequena, aínda no caso de que manteñan as súas propiedades (cousa difícil para todas, se aumenta o seu tamaño). No segundo, a frase vai contra do que é o método científico, a ciencia non funciona así. Unha foto pode dar fe da existencia dunha posibilidade, pero mil fotos ó chou non serven para confirmar unha porcentaxe elevada. Unha foto dunha área de Singapur (dunha extensión aínda maior que a referida na citada imaxe aérea dunha aldea galega) sen edificios non implica que Singapur esté deshabitada… Ou si?