Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto – Valencia
A viaxe chega á súa fin. Esta etapa duns 44 km con 130 m de desnivel salvado foi relativamente longa en tempo, dúas horas e cuarto sobre a bici ás que houbo que sumar diferentes paradas para orientación nunha rede densa de camiños, rúas e estradas que no gps sumaban tamén ramblas como camiños ou camiños totalmente de pedra e visiblemente impracticables, sen uso dende hai tempo. A máis, unha visita en Beteta que me permitiu tamén un baño en piscina con traxe de baño prestado nun día con algo de calor e auga non tan quente despois da noite.
Como a meta estaba próxima, e mesmo as últimas etapas tíñaas cambiado para alongar máis a viaxe, tampouco me preocupei moito da preparación da etapa, desoíndo as indicacións que me deran de que preto das grandes vilas non é doado seguir as indicacións que os medios dixitais tentan dar, porque teñen moitos erros e desespérase un. E, tal dito, tal feito, sen a parte de desesperación, que foi trocada pola curiosidade da visita a campos de laranxeiras, pobos ou urbanizacións e polígonos en terra estraña de camiño na procura do achegamento a destino. Ben, desesperación, non, pero algunha vez, algo de frustración por ter que refacer algún desnivel baixado, si.
Era un día do que se soe chamar bo tempo, aínda que xa sen tanta influencia nas pernas bicores. E, aínda que procurando vías secundarias ou terciarias, sempre a atención ó tráfico estaba presente por necesidade.
Á saída tiven un momento de comezar a rememorar etapas anteriores, pero a distracción e a concentración paralelas, coa mirada curiosa sobre o entorno e atenta ó inmediato case de xeito instantáneo me remitiron ó carpe diem.
E, despois do descanso e compañía en Beteta, a conciencia de que os desniveis positivos a continuación eran nulos deron cun autochequeo que me certificou mentalmente o bo estado no que me atopaba, sen un cansazo acumulado dende a chegada a Teruel. E é que, descansado, desfrútase máis: é algo que se sente.
Pode que sexa a etapa na que menos fotos tomei, dando por rematado o periplo cunha diante do portal de destino e un apunte dunha estación de metro de Valencia, ó que baixei despois de asearme e cambiarme
Vista dunha estación de metro de Valencia. |
Da curta etapa só deixo unha foto, onde, dende unha das moitas pontes que tiven que pasar aprécianse varios dos elementos fundamentais da viaxe do día -en realidade, da mañá-: Laranxeiras e polígono industrial, chaira cos montes ó fondo, e infraestruturas humanas tecendo a paisaxe.
Agricultura e industria. |
Valencia, á miña vista, non cabe nesta crónica, pois non só foi o día da chegada, senón uns cantos máis, nin a contemplación en solitario coa compañía da bicicleta, senón aumentada co desfrute de familia e sen as preocupacións propias da viaxe.
Así, este foi o remate da viaxe física en si. Mais non na miña cabeza, que foi tecendo as lembranzas nun resume, nunha recompilación que aínda non rematou.
Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península
Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo – O Cádavo
Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo – Ponferrada
Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada – Astorga
Crónica dunha viaxe / 04 Astorga – León
Crónica dunha viaxe / 05 León – Villarmentero
Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero – Burgos
Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos – Santo Domingo de Silos
Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos – Soria
Crónica dunha viaxe / 09 Soria – Calatayud
Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud – Calamocha
Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha – Teruel
Crónica dunha viaxe / 12 Teruel – Teruel
Crónica dunha viaxe / 13 Teruel – Barraques
Crónica dunha viaxe / 14 Barraques – La Vall d’Uixó
Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d’Uixó – Sagunto