Onte xoves 20220331, houbo en Ribadeo actos referidos a dúas guerras e a procura da paz. Primeiro, pola mañá, sobre a guerra ‘civil’ a falta doutro nome en España. En concreto, sobre algo que non é só historia, sobre os represaliados, con motivo da instalación de adoquíns con lenda dos represaliados en Ribadeo, as ‘pedras da memoria‘ (do orixinal alemán ‘stolpersteine’). No parque, os que non se sabía doutro lugar para colocalos, noutros lugares -vivenda, traballo…- cando se sabía. Unha carpa no medio do parque nun día chuvioso acolleu a toda a xente que puido mentres se dicían as palabras protocolarias e se proxectaba un vídeo, mentres no exterior o artista Gunter Demnig, que imaxinou a homenaxe e vai prodigándose por toda Europa, comezaba a colocar os adoquíns no mesmo parque e un diante do antigo bar Cubano.
Antes de comezar o acto |
As pedras do parque |
Outro aspecto |
Adoquíns a colocar noutros lugares |
Adoquín colocado diante do antigo bar Cubano |
Deixo o audio, e, ó final da entrada, a nota de prensa do concello. A máis, están accesibles máis materiais, como o vídeo proxectado no acto (máis de media hora, abaixo de todo)
E, pola tarde, nova concentración -e van 5- dos xoves por Ucraína, unha loita que se transforma, pero segue a deixar morte e destrución un día tras outro sen que polo momento se vexa claro o final. Unhas trinta persoas no día de chuvia que foi onte atenderon as verbas de Evaristo Lombardero, Arturo Mogo, Jesús Irigoyen e Beatriz Irigoyen.
Deixo o audio e algunha foto de Suso Fernández, así como a convocatoria.
—
Nota de prensa do concello sobre o acto ‘Pedras da memoria’
OS ASISTENTES PUIDERON VER TAMÉN UN VÍDEO CON TESTEMUÑAS
Ribadeo, lugar de memoria
31/03/2022
O Concello coloca hoxe 40 lastros (adoquíns) en
homenaxe ás vítimas do franquismo. As Pedras da Memoria formarán parte
das máis de 75 000 que a Fundación Stolpersteine leva postas desde 1997
en 20 países en toda Europa. Ribadeo é o primeiro Concello de Galicia en
contar con este recoñecemento, que se celebrou no parque de San
Francisco. Familiares, amigos e o artista alemán Gunter Demnig déronse
cita neste acto, que foi conducido polo alcalde, Fernando Suárez, e no
que interviñeron a concelleira de Cultura, Pilar Otero, o cronista
oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, así como Ramón López e Miguel
Freire, familiares de vítimas ribadenses do franquismo.
O rexedor na súa intervención dixo que “o obxectivo desta homenaxe é
romper un dramático e prolongado silencio arredor dos crimes cometidos
durante o franquismo, recuperando a memoria dos homes e mulleres
asasinados, paseados, fusilados ou mortos, vítimas da represión
franquista durante a guerra e a posguerra”.
Suárez Barcia, que
leu o nome das 40 persoas homenaxeadas nesta xornada, sinalou que “os
Concellos temos que facer obras, actos culturais, etc, pero tamén temos
que facer memoria, porque antes ca nós, aquí viviu xente, que tiña
familia, que traballaban honradamente e que ademais tiñan nobres ideais
de humanidade, e de progreso colectivo, de fraternidade. E tiñan unha
cousa que lles arrincaron: todo o dereito a vivir”.
O alcalde
explicou que as Pedras da Memoria estarán situadas en lugares onde esas
persoas homenaxeadas viviron ou traballaron. 24 dos 40 lastros foron
colocados por Gunter Demnig, mentres se celebraba este acto, no parque
de San Francisco e o resto estarán diante dos domicilios ou lugares de
traballo das vítimas do franquismo en diferentes rúas de Ribadeo e tamén
unha delas en Rinlo.
Pilar Otero, a concelleira de Cultura,
sinalou que “a memoria non é algo que poidamos reprimir nin eliminar,
non se pode esquecer e xa está. Sabemos que unha ferida temos que
limpala para que cure ben, e senón inféctase e cheira. Por iso é tan
importante este pequeno xesto que hoxe facemos en Ribadeo: porque ás
persoas non se lles fai desaparecer e xa está, porque non son ósos nada
máis. Por iso oxalá todos os concellos, sexan da cor política que sexan,
fixeran un xesto pequeniño que axude a poden lamber as feridas para que
cicatricen; non se van ir, pero seguramente deixarán de doer tanto”.
O
cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, manifestou que “todas
estas historias de fuxidos, asasinados, agachados, etcétera, circulaban
de boca e boca pero silandeiramente; eran tamén un acto clandestino.
Fíxose verdade aquel verso de Luis Pimentel, dun poema que se chama
Cunetas, que di: non chores, poden escoitarte. Escribiuno en 1937, un
ano, desde logo, significativo”. No acto tamén tomaron a palabra Ramón
López e Miguel Freire, familiares dalgunhas das persoas que foron
lembradas hoxe en Ribadeo.
A continuación proxectouse un vídeo
coas testemuñas recollidas nas últimas semanas. Ducias de persoas
asistiron a este recoñecemento que se celebrou no parque de San
Francisco. Ao principio e ao remate profesores da Escola Municipal de
Música e Danza de Ribadeo interpretaron varias pezas musicais.
Vídeo encargado polo concello e realizado por ‘El Farero’ sobre represaliados do franquismo, proxectado no acto sobre as ‘Pedras da memoria’:
Reportaxe a cargo da Deputación sobre as pedras da memoria, co autor poñendo pedras en Ribadeo:
Versión 2024 da ruta das pedras da memoria: https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/2024/03/ruta-das-pedras-da-memoria-de-ribadeo.html