O pasado día 3 de marzo celebrouse unha concentración de veciños e veciñas de Ribadeo para manifestarse contra a invasión de Ucraína polos exércitos rusos, e contra as guerras en xeral. A este acto asistiron unhas cen persoas.
O seguinte xoves, día dez de marzo, repetiuse a concentración cos mesmos obxectivos e asistiron perto de duascentas persoas. Nesta segunda concentración tamén participaron persoas que están artellando actos de solidariedade cos afectados pola guerra, recollida de alimentos, roupas e apoio en distintas necesidades.
O próximo xoves, día 17 ,celebrarase unha terceira concentración, ás oito da tarde diante do concello na que poderán participar libremente todas as persoas que o desexen e mesmo manifestar a súa opinión particular polos micrófonos dispoñibeis.
Asemade , o día 18, venres, as 20:00 h terá lugar unha xuntanza aberta a todas as persoas que o desexen no salón de actos da Casa do Mar para prantexar a posibilidade de crear unha plataforma con participación veciñal que se encargue de manter estas movilizacións, e se se considera oportuno organizar debates sobre as guerras, o fornecemento da paz mundial e este tipo de cuestións. Tamén se trataría de buscar a maneira de coordinarse con outros movementos semellantes que están xurdindo en outras localidades da Mariña ou da contorna asturiana.
Evaristo Lombardero Rico