Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Cegueira íntima, xuíz cego


   Un xuíz non ve delito en captar na rúa imaxes íntimas de mulleres para subilas a páxinas porno… Ese é o titular, e os titulares poden ser enganosos. E no corpo da noticia? Pois, en resume, nun corpo de texto que coido máis acaído que o titular por algún detalle, o argumento é que as imaxes collidas na rúa, en zona pública, non atentarían contra a intimidade.

   Se eu tentara poñer na miña ventá unha cámara para ver quen fai o cafre de noite na rúa, remataría denunciado por toma de imaxes en vía pública sen consentemento. Outra é que o baixo do edificio esté vixiado por cinco cámaras á rúa, instaladas a instancias dunha entidade con poder económico e nula responsabilidade na toma de imaxes, pois está amparada pola lei para evitarlle preuízos que aínda non foron causados. Iso, aínda que eu non poidera instalar unha soa despois de anos de sufrimento de prexuízos. Seguindo por esta liña, lévanos directamente á valía das leis e á inundación de cámaras na nosa vida. Pero deixemos o que sería unha longa discusión e volvamos ó comezo.

   É un xuíz quen decide. Non hai delito. As imaxes son íntimas (de mulleres mexando, tomadas sen elas ser conscientes da captura do momento, cunha cámara disposta de tal xeito para verlles -segundo parece- ben entre as pernas). As imaxes foron subidas a páxinas porno.

   Antes de continuar, axusto un par de cousas. Unha, non son xuíz, nin estudei dereito, logo o que comentarei a continuación é algo así como o que se podería comentar nun bar, coa diferenza de que é impreso e quizáis algo máis meditado, aínda que só sexa polo tempo que leva escribilo e repasalo. Outra, que a miña sensibilidade, educación, sociedade na que vivo… é dicir, a base da que parto, seguro que son diferentes das de miles de millóns de persoas. Vale, agora xa podo seguir.

   O xuíz debe aplicar a lei, e é segundo a súa interpretación da lei, que decide que é unha cousa que poidera ser normal no sentido de conforme á normativa aínda que non sexa o máis frecuente ou habitual (ver dicionario da RAG). Ben, isto último coido que sería unha anormalidade, precisamente o tomar a lei sen relacionala coas persoas, coa sociedade, o tomala en abstracto.

   Non hai -collo de novo o dicionario da RAG- quebrantamento da lei. Cabe dicir que a lei non ten por que ser xusta. Xustiza na primeira acepción do dicionario, ‘Respecto e recoñecemento dos dereitos e do mérito dunha persoa’, tendo en conta que ‘todos somos iguais diante da lei’, e polo tanto, todos temos os mesmos dereitos. Millor paso por aquí rápido…

   As imaxes son íntimas. Hai moito tempo que a construción da intimidade sábese cultural, é dicir, varía dun lugar e tempo a outro, e o que se chama ‘partes íntimas’, tamén. É dicir, é algo relativo. Pero na nosa sociedade, coido que é admitido con abonda amplitude que os órganos xenitais visibles son partes íntimas, na quinta acepción do dicionario: ‘Que pertence a un individuo en particular e que, xeralmente, permanece oculto aos demais‘. Esa parte da definición, ‘que, xeralmente, permanece oculto aos demais’ coido que debería ser fundamental para o caso.

   Ás imaxes dáselles difusión nun lugar onde o contexto e uso son ben diferentes do que tiña a vítima no momento no que foi capturada cada imaxe: dun alivio fisiolóxico a unha páxina porno. A máis, nunha sociedade capitalista, coido que habería que contar con que as páxinas porno sacan beneficio, e anda que non se leva dado voltas con eso dos dereitos de autor roubados!

   Coido que os xuíces poden ser cegos, non só en sentido literal, senón tamén e sobre todo no figurado. Cunha cegueira, esta si, íntima. No primeiro sentido do dicionario da RAG.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *