Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Que vas facer cos teus 200 € anuais?


   Imaxínate que dispós de 200 €/ano extra durante seis anos. Que farías con eles? E se toda a túa familia, todo o teu pobo, toda persoa no estado tivera ese extra? Pode que para o teu presuposto non sexa moitos cartos, pero para outros si o son. En calquera caso, non deixa de ser un complemento.

   Pois deixa de imaxinar e e ponte a facer plans en serio, porque telos. Témolos. Máis ou menos iso é o que representan os fondos europeos con motivo do impacto económico da pandemia na parte que corresponde á ‘subvención’ a fondo perdido, créditos aparte.

   Unha vez dito o anterior, veñen as rebaixas. Os cartos saen dalgún lugar. Ese lugar rematarán sendo os teus petos (e non se trata da drenaxe que supón o prezo da luz, que vai por outra canle) nun problema diferido no que, se os fondos son ben xestionados, a sociedade en conxunto e ti en particular vas sacar tallada, e se o son mal, quedarás peor.

    A máis, resulta que eses fondos xestiónanse de tal xeito que hai xente que parte con avantaxe. E ti tes máis do 99 % de probabilidades de non estar entre as persoas avantaxadas. Ou sexa, agora xa podes deixar de imaxinar: difícil, moi difícil que conten coa túa imaxinación. Por suposto, podes (e mesmo debes) seguir a imaxinar un futuro mellor. Polo momento, a imaxinación é libre, e aínda que o imaxinado non se poda aplicar de xeito directo, ten beneficios o facelo, sempre podes atopar algún oco para colar algunha idea ata a práctica, a máis das bondades para o cerebro e a actitude fronte á vida a condición de que se empregue de xeito positivo. E tamén, sempre podes xuntarte a outra xente e facer presión para tentar que te fagan caso.

   Volvamos ó tema. Quedamos en que, dalgún xeito, se non directo, que é unha subvención a fondo perdido, si indirecto, por exemplo, por inflación, ías ter que devolver cartos. Polo tanto, está claro que, se rematan noutras mans, (e é o que ocorrerá esta vez si de xeito directo) do que se trata é dunha transferencia de cartos – teus, de todos – a outra xente ou entidades.

   Non nos enganemos. Está a suceder de continuo, aínda que non sexa en tales dimensións. A xustificación é que pode ser beneficioso, como cando non hai corrupción e os impostos son ben xestionados e redundan en ben de todos cunha sinerxia de acción. Pero tamén pode ser prexudicial, como cando se diminúen impostos e se degradan os servizos, pasando a privatizarse coa escusa de que non hai cartos e son malos, e se remata pagando abondo máis, mesmo sen notar melloría.

   Cabería rematar cun ‘ti elixes’, pero a elección non é tanto vía ‘eleccións democráticas’ como actuando doutros xeitos, activando o feito de ser cidadán ou cidadá, tentando tomar parte na toma de decisións, pero tamén nas fases previas e posteriores. Moito traballo, mais coido que recompensa. E non me estou a referir ós soldos dos políticos, senón a unha sociedade onde se viva mellor.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *