A princesa Leonor chegou a Gales
Para quen non estivera ó tanto, no reino de España hai unha
princesa que se chama Leonor. A lei sálica impediríalle chegar ó
trono, pero iso, aínda de non mediar outras circunstancias, como a lei semisálica vixente, estaría
por ver, que unha dinastía moderna como a que nos ocupa pode
modernizar as leis que se ocupan dela. Ó seu antollo? Ben, non
exactamente, ou, segundo como se mire, si, sen ser exactamente.
Como íamos dicindo no título, si, hai uns días a prensa difundiu
un paso máis na formación real Real. En dura pugna con milleiros de
centros españois, venceu un forasteiro, de Gales. Debe ser un bo
centro educativo, ise ó que vai ir Leonor. Pero, sobre todo, nas
consideracións que se terían en conta para a elección, seguro que
tiveron importancia criterios, chamémoslles ‘extraacadémicos’.
Cousas como que o centro fora privado, caro, elitista: un lugar no
que Leonor poda darlle co cóbado literal e figuradamente a outros
futuros amos do mundo. E claro, iso non vai co público, destinado ós
súbditos deses amos, por moito que as elites ás veces admitan e
mesmo fomenten neses establecementos para poucos unha pequena cota de
súbditos.
Menos vai aínda cun centro público, como pode ser o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, na periferia da periferia por bon que sexa, e menos
aínda no tamén ribadense Porta da Auga, con formación profesional.
Para que querería unha princesa tal cousa? Por certo, pode dicirse
que eles están entre os que perderon a elección, aínda que non
saia así plasmado nos pudorosos papeis de propaganda, que abondo
teñen con emotivos titulares tipo ‘emotivo adeus no aeroporto’.
Tamén terán en consideración que o centro fose estranxeiro: Leonor
ten que ser global, saberse mover por todo o mundo, non local e
provinciana, que xa se sabe: os de provincias somos… de
provincias!. Doutro xeito, podería mesmo collerlle cariño ó que
este estado administra, e iso é un perigoso precedente para ter
obxectividade na toma de decisións. O administrado é administrado,
e non se debe confundir co que é unha propiedade: hai que corrixir
erros de familia. Outra cousa é que o que é administrado se
empregue para conseguir máis (cartos ou o que sexa). É algo que ten
que quedar claro. Volvendo ó comezo do parágrafo, aquí aplícase
de xeito importante o de ‘pensa globalmente, actúa localmente’,
pero á inversa: pensa para ti, actúa ao grande!
Por certo, moi emotiva, si, e sinxela esa despedida fotografada e
filmada no aeroporto, e difundida polos difusores de quenda cuns
tamén sinxelos pais-reis e máis sinxela aínda filla-princesa, que
hai que dar imaxe, como calquera dos milleiros de novos emigrantes.
Que non é emigrante? E que?
A vida segue. Agora, a esperar que volva polo Nadal, que para non
volver xa está o seu avó, ou o tataravó… encheríanse xa as
prazas destinadas a iso na familia?