Hai uns poucos días, xurdeu a nova: convocárase un pleno para retirarlle a Franco o título que ostenta sobre Ribadeo: alcalde honorífico. Agora traio o documento de proposta da alcaldía para a retirada. Non podo traer a convocatoria do pleno, que non foi colgada nin na páxina do concello nin na sede electrónica, tendo que deixar a nota de prensa máis abaixo para ter unha idea dos temas a tratar nese pleno, que inclúe máis que a retirada da alcaldía honoraria.
O que si, un comentario: a cousa estaba prevista, como foi dito na presentación de ‘Miscelánea da antiga provincia de Mondoñedo‘, de Xosé Isido Fernández, polo alcalde ó comentar á súa vez o caso indicado da concesión retirada ata o momento. que indica o libro citado. Agora quedaría a retirada do concello da Ofrenda aos Remedios…
DARÁ COMEZO ÁS OITO DA TARDE
Pleno ordinario o 28
23/07/2021
O Concello de Ribadeo aprobará, no pleno
ordinario do vindeiro 28 de xullo, os festivos locais para 2022, que
serán o 16 de agosto e o 8 de setembro. Ademais nesta sesión preséntase a
aprobación un suplemento de crédito para adquirir un novo vehículo para
a Policía Local e para habilitar os recursos necesarios para un novo
convenio extraordinario con Acisa. O equipo de goberno tamén leva a este
pleno a proposta de retirarlle a Francisco Franco o recoñecemento de
alcalde honorario de Ribadeo, dado pola Corporación no ano 1939.
O alcalde ribadense, Fernando Suárez, contou que “neste pleno
ordinario de xullo, que imos celebrar a semana que ven, contemplamos
varios asuntos. O primeiro deles é a declaración dos festivos locais
para o ano 2022 que, como sempre, se establecen para o día de San Roque,
o 16 de agosto, e para o día 8 de setembro, que é o día da patroa.
Ademais, outro punto que imos levar, é un suplemento de crédito para
habilitar fondos para un novo vehículo para a Policía Local, pois o
todoterreo do que dispoñían non deu máis de si e xa tivo que ser enviado
ao desgüace. Este suplemento de crédito queremos utilizalo tamén para
habilitar os recursos necesarios para un novo convenio extraordinario
coa asociación de comerciantes de Ribadeo para a promoción de accións
relativas a potenciar á imaxe de Ribadeo como un lugar de encontro e de
compras, como un lugar atractivo para vivir, para estar, etc…”.
O
rexedor sinalou que “hai tamén unha proposta para a modificación do
plan estratéxico de subvencións, concretamente no aspecto deportivo,
pois houbo uns excedentes que non foron entregados a varias asociacións
deportivas ben porque non xustificaron a subvención concedida nun caso
totalmente e noutros parcialmente, polo que ese diñeiro sobrante
queremos complementárllelo a aquelas outras que neste ano si fixeron
máis actividades das que inicialmente tiñan comprometidas”.
Suárez
Barcia engadiu que “tamén queremos levar a pleno unha proposta de
retirarlle ao ditador Francisco Franco Bahamonde o recoñecemento de
alcalde honorario de Ribadeo dado pola corporación no ano 1939. Logo da
recente publicación dun libro, nestas últimas semanas, de sucesos en
varios concellos da Mariña, desde o punto de vista histórico, tivemos
coñecemento a través desta publicación de que as actas do Concello
recollían este acordo e efectivamente así o comprobamos. De aí que, en
aplicación da vixente lei 52/2007 de memoria histórica, que di que as
administracións públicas tomarán as medidas oportunas para a retirada,
entre outras cousas, de mencións conmemorativas de exaltación persoal ou
colectiva da sublevación militar, da guerra civil e da represión da
ditadura. Evidentemente, o nomeamento de alcalde honorífico é unha
exaltación á figura do ditador que compre ser retirada”.
O pleno ordinario dará comezo ás 20:00 horas do vindeiro mércores, 28 de xullo.