Por Nuestro Faro
Nota
de Prensa
SENTENZA
TRIBUNAL CONSTITUCIONAL
O día 20 de xaneiro tivemos coñecemento a través das redes sociais
da sentenza do Tribunal Constitucional 134/2019, na que se declara
inconstitucional o proxecto de urbanización da illa de Valdecañas,
nun encoro da provincia de Cáceres. O proxecto, promovido pola Xunta
de Estremadura e unha empresa privada, ven a trancas e barrancas
dende 2005 polas reiteradas irregularidades e sentencias en contra.
Pese ao cal a empresa e a Xunta de Estremadura seguiron adiante.
O colectivo Por Nuestro Faro ven de notificarlle a sentenza ao
alcalde de Ribadeo, polas consecuencias que poda ter para os
proxectos que se levan desenvolvido na Illa Pancha e os que se están
a realizar na actualidade, coa anuencia e licenza do concello sen ter
en conta as condicións legais que esixe a normativa sobre a rede
Natura 2000.
O substancial desta sentencia –e
onde garda paralelismo co caso da Illa Pancha- é que se trata
dun proxecto de privatización de un espazo declarado Zona de
Especial Protección de Aves, e acollido as normas da Rede Natura
2000, onde non se tiveron en conta as disposicións legais europeas
asumidas e aprobadas polo estado español. Mesmo chegouse a unha
modificación da lexislación autonómica, sobrepasando as
competencias lexislativas como deixa moi claro o documento emitido
polo Tribunal Constitucional. Dentro da mesma sentencia é moi
destacado que as zonas afectadas pola Rede Natura 2000 non poden ser
urbanizadas e que a “utilización dos terreos con valores
ambientais que sexan obxecto da protección pola lexislación
aplicable será sempre sometida á preservación de ditos valores e
comprenderá de xeito único os actos de alteración do
estado natural dos terreos que aquela lexislación expresamente
autorice. Protección que acada aínda maior
intensidade, se cabe, no caso dos espazos naturais
especialmente protexidos e os incluídos na Rede Natura
2000”.
O parágrafo citado é moi interesante por coincidir plenamente cos
informes do Defensor del Pueblo, emitido o primeiro o 17 de febreiro
de 2017 e ratificado posteriormente en cinco informes máis ate o 10
de outubro de 2018. Informes que, como é sabido, foron obviados pola
Autoridade Portuaria e polo concello de Ribadeo, tanto no proxecto
inicial de apartamentos, como no da cafetería que se está
executando actualmente.
Hai outro punto no que coinciden ambos proxectos e que non queremos
deixar de suliñar. O mesmo que o proxecto estremeño ven de atrás,
dende 2005, o de Ribadeo ten o seu comezo xa no 2013, e o mesmo que
as autoridades estremeñas veñen apostando pola privatización da
illa, o concello de Ribadeo ven dende o comezo renunciando a facer un
uso público, cultural ou promocional e turístico do Faro e da Illa
Pancha en beneficio de un uso privativo. Uso que mesmo impide a
entrada da veciñanza e dos visitantes en contra das condicións
esixidas polo propio concello no intre da concesión da licenza de
actividade dos apartamentos o día 1 de decembro de 2017. Por se
houbese algunha dúbida sobre esta intención privatizadora do
concello, aí están as hemerotecas cas célebres declaracións do
Sr. Alcalde -ao diario El Pais do día 25 de abril de 2014- cando
afirmou que se trataba de “un premio para Ribadeo”.
No Colectivo por Nuestro Faro seguimos adiante procurando o ben do
pobo e da illa. Entre as accións da última tempada, entramos en
contacto coa organización Ecoloxistas en Acción, coa que estamos a
estudar o emprender as acción legais que consideremos acaídas tras
a revisión de todos os factores implicados.
Antes diso, resulta evidente que o concello de Ribadeo está
desenvolvendo unha dinámica que o ten levado a un calello sen saída,
con resultados moi negativos ata o momento. Nos próximos tempos
verase forzado a un cambio de rumbo que levará a recuperación do
equipamento público do faro da Illa Pancha para o servizo
comunitario. Como debeu ser dende que a Autoridade Portuaria anunciou
a sua intención de abrir os faros a outros usos distintos dos
tradicionais.
Por último, compre suliñar que hai xa semanas preguntamos ao Sr.
Alcalde para que se necesitaban dúas palas mecánicas non pequenas
na Illa Pancha se a obra que agora se executa era a simple reforma do
antigo garaxe para instalar unha cafetería. Preguntamos pero non
temos resposta. Parece que só preguntar non sirve de nada.