Que define o éxito?
Máis dunha vez teño sentido que cousas que para min eran exitosas, para
outra xente non o eran, e viceversa. Aí entran gustos, perspectivas,
intereses… ó fin, diferentes criterios. Pero se a nivel particular
podemos inferir todos eses flecos que fan diversa a resposta, podemos
facelo asemade a nivel social? E con algo relacionado coa economía?
Estamos xa afeitos ós rifirafes partidarios onde un grupo cualifica algo
como éxito mentres que outro partido o cualifica de fracaso, mentres
nos preguntamos se se están a referir ó mesmo, obviando que os criterios
non teñen por que ser os mesmos -deberan, para aclarármonos-, e moito
menos aínda, teñen por que ter o mesmo interese en dicir a verdade -cada
vez máis, asúmese a mentira sen máis-. Aínda así, suponse que hai
actuacións con resultados medibles, e no ámbito económico, parece que os
resultados medibles serían un seguro contra esa posible, asegurada,
dicotomía de pareceres. Ao menos, para limar diferenzas. Evidentemente,
non ocorre así. Mesmo cando hai resultados numéricos, a interpretación
pode ser radicalmente diferente por moitas razóns: sexa que os datos se
comparan con outros conxuntos de datos que son diferentes para cada xuíz
(poñamos, uns escollen para comparar datos moito mellores e outros
moito peores), sexa que hai quen colle a media para dicir que todo vai
máis ou menos ‘avanzando’ mentres outros collen a dispersión ou a
mediana para dicir que ese avance só beneficia a unhas poucas persoas do
conxunto social, sexa…
Parece pois que todo éxito estaría sometido á relatividade. Aínda lembro
unha campaña turística cun lema/hashtag, #Ribadeoxqsi, que nas procuras
en internet tiña moitos menos resultados devoltos que o nome do alcalde
ou que o meu, a máis de ser usado polo mesmo concello ás veces con i e
ás veces con í. Foi cualificada de éxito, mesmo no seu lanzamento, aínda
que nunca vin nada, nin daquela nin despois, que o xustificase.
Ven o anterior a conto da nova app da asociación do comercio ribadense,
ACISA. Comezou sendo anunciada en prensa en febreiro para a súa
disposición en marzo, e por fin foi presentada o 3 de agosto con
participación institucional. Tres días despois, unha nota da asociación
de comerciantes indicaba que fora descargada 400 veces e era coñecida
por 20 000 persoas. Ou sexa, un éxito. Se non fose porque non teño nada
claro como mediron o coñecemento por 20 000 persoas, e se a relación é
de 400 descargas por 20 000 persoas, significa un 2 % de penetración na
zona de maior influencia de Ribadeo, a que de xeito lóxico antes se
apercibe, o que non parece moito éxito en si. A iniciativa, moi convinte
dende hai tempo e practicamente imprescindible nos tempos que vivimos,
chegoume, antes que pola nova de súa posta en marcha, polas críticas.
Cousas como o rexistro obrigado con cesión de datos a terceiras partes,
un aviso legal antes en inglés que en castelán e quizais interpretable
de xeito lixeiramente diferente, ou non ter a axenda de eventos do
concello, mellorables na próxima versión aínda que non sexa xa unha beta
de proba, súmanse outras que poderiamos chamar estruturais. É dicir,
outras cousas como que hai máis comercios que non están en ACISA pero si
en Ribadeo, e cuxo movemento beneficia a todos, incluída a posible
competencia en ACISA, ou a propia idea de saída, que se pode ler no
cartel da presentación, app ‘da hostalería’ (primeiro) ‘e o comercio’
(separado, despois) de Ribadeo. Así as cousas, parece claro que pode ser
un ‘éxito’, pero non abondar como tal éxito.