O comunicado do concello sobre a cancelación do Ribadeo Indiano:
COMEZA A CONTA ATRÁS PARA A EDICIÓN DO VINDEIRO ANO
Cancelado o Ribadeo Indiano 2020
27/05/2020
Cancelado o Ribadeo Indiano 2020, que se ía
celebrar do 10 ao 12 de xullo. Así o decidiron esta tarde o Concello e
Acisa. Os organizadores antepoñen a responsabilidade por riba de todo
para lograr a máxima protección posible contra o Covid-19 e póñense a
traballar na edición de 2021.
O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “quixemos agardar ata o
último momento, tanto a Asociación de Comerciantes como o Concello de
Ribadeo, pero finalmente decidimos ir na liña do que outros Concellos da
comarca, de Galiza e do resto do Estado están facendo nos últimos
tempos no sentido de que debemos antepoñer a responsabilidade por riba
de todo para lograr a máxima protección posible contra o coronavirus.
Polo tanto se temos en conta a nova normalidade no que ten que ver co
distanciamento físico que debemos ter entre a cidadanía e tamén o
necesario control de aforo nos diferentes espazos públicos, así como
tamén atendendo ás distintas normativas de obrigado cumprimento, tanto
das autoridades do Estado como das autonómicas, decidimos Acisa e
Concello de Ribadeo, de común acordo, cancelar a edición do Ribadeo
Indiano 2020, así como tamén aqueles outros eventos que poidan supoñer
masificación e que poidan ir contra as directrices sanitarias que todos
debemos cumprir, cando menos durante esta época estival”.
O
rexedor asegurou que “traballaremos desde este mesmo momento, Acisa e o
Concello de Ribadeo, para facer unha edición marabillosa do Ribadeo
Indiano 2021 e para que sexa entón o momento do reencontro. O Ribadeo
Indiano quere lembrarse de todas aquelas persoas que se foron un día,
especialmente para América, e sempre quixemos que fora a festa do
reencontro, pois agora queremos para a edición do Ribadeo Indiano 2021
quedarnos con ese espírito e que garde esa ansia de encontro para que
todos (de Ribadeo, da comarca, de fóra, do mundo enteiro) nos volvamos
atopar na seguinte edición do Ribadeo Indiano”.
Pola súa banda o
presidente de Acisa, Francisco Iriarte, sinalou que “acabamos de ter
unha reunión cos departamentos municipais de Cultura, Turismo e Alcaldía
e estamos totalmente de acordo coa cancelación do Ribadeo Indiano 2020.
Cremos que a seguridade é o primordial ante todo. Sabemos do sacrificio
que supón isto para os nosos asociados e asociadas, sobre todo de
comercio e hostalería, pero hai que facelo así porque as normas son as
normas e a saúde é o principal. Agora o que nos queda é cumprir co que
nos din e non cometer ningún erro”.
O responsable do colectivo
empresarial lamenta “chegar a esta situación e adoptar esta decisión,
porque estamos a falar dun evento que para a hostalería supoñía a fin de
semana de mais facturación do ano. E tamén era unha cita moi importante
para o noso comercio. Agora toca apostar pola saúda para recuperar en
canto sexa posible a vella normalidade, pero aínda queda un camiño que
percorrer. Estamos convencidos de que todos xuntos sairemos dista”.
Iriarte Quintana agarda que “para o 2021 podamos facer un Ribadeo Indiano aínda máis forte e máis potente”.