Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Baixamos un posto


   Non se trata de conseguir unha clasificación para os xogos olímpicos nin nada polo  estilo. Trátase do número de mortos polo coronavirus, ese que aumenta cada día e que en cada estado (mesmo dentro, nas divisións administrativas que poda ter) se mide de xeito diferente, mesmo con cambios no tempo, quizais para favorecer a política que se está a levar, quizáis por simple descoordinación. E si, pouco a pouco vannos adiantando outro países. Hoxe por hoxe, os Estados Unidos levan a cabeza e siguen cun aumento que non da mostras de diminuír o ritmo. Italia pouco a pouco vai separándose de nós, pero aínda así xa foi adiantada polo Reino Unido, que a semana pasada aínda camiñaba por tras de España. E Francia parece que entre hoxe e mañá terá o dubidoso honor de adiantarnos nas contas.

   Nese maremagnum de datos dificilmente homologables, coido que aínda coas diferencias de cálculos estatísticos, que dificultan a interpretación, queda patente o resultado das diferentes políticas tomadas en relación á pandemia. 

   Por imperfectas que foran en todo occidente as medidas tomadas, e dificultosa a súa aplicación e seguimento, a resposta dos números en tódolos países vai xurdindo un par de semanas despois. Claro, se se tomaron medidas dun xeito máis ou menos uniforme, que onde non se tomaron, as cifras toman unha tendencia diferente. 

   En oriente, tras varias crises sanitarias por virus diversos ó longo do século, van aprendendo e aplicando medios máis efectivos en apariencia, aínda que con reservas: con estatísticas fiables e resposta óptima podemos mirar tan só a Corea e Taiwan. Outros países xa requiren, cando menos, de matices. Así, o caso de Singapur, a cidade estado moderna e eficaz, que se ben ten contido a expansión, parece terse esquecido de que os inmigrantes hacinados tamén son persoas, e son contaxiados e contaxian. Algo que hai cen anos xa se comprobou por estas terras co caso da mal chamada ‘gripe española’, onde se ben as ‘clases altas’ máis ou menos tiñan medios para protexerse e usaban mascarillas, acabaron contaxiadas tamén en masa nas sucesivas oleadas que azotaron Europa e Norteamérica: os mesmos servintes que as coidaban, ou os obreiros das fábricas que poseían, non tiñan medios de protección e hixiene, e serviron como vector de infección.

   Hoxe poden comprobarse máis cousas sobre a vida dos países, e a cultura de resposta en relación á pandemia, aínda que quede moito por saber do virus. Así, os países que teñen sistemas sanitarios públicos ben dimensionados responden mellor en número de mortes que outros con semellante número de casos e que non os teñen. Aí está o exemplo de Alemaña e Francia, cun número de casos semellante, pero unha relación entre o número de mortes de 2 a 7.

   Houbo ó longo da historia da pandemia, entre outros, tres países que destacaron como noticia en España por manter políticas de ‘aquí non pasa nada, e a economía segue a ser o importante’, EEUU, o Reino Unido e Brasil. Os dous primeiros xa foron nomeados: nos EEUU cada estado está tomando medidas diferentes -ou non tomando ningunha-, e no R.U. houbo un certo viraxe despois de que Boris Johnson enfermara, quedando a suba de casos e mortes en ambos nunha recta inclinada. O Brasil, polo contrario, segue sen actuar, e a curva de mortes, o mesmo que a de contaxios, está a inclinarse máis e máis.

   Aquí, sexa Galicia ou España, pouco a pouco os datos diarios descenden, mentres vemos como se encona a loita política na que a valoración das persoas queda mediatizada sexa pola economía, sexa polos votos, sexa, sinxelamente, polo poder. O goberno é difícil, e sempre obxectable. Hoxe non me meto niso, a non ser por citar unha vez máis a ostensible diferencia co que neste caso está a pasar en Portugal. Agora ben, que baixamos postos na lista? Vale, si, pero os mortos seguen a aumentar. Ata que punto estamos mentalizados para asumir cada quen as propias medidas para non actuar como axentes de transmisión? Pola miña parte, coido que é un aspecto fundamental -no que intervimos todos-para decidir os tempos de desescalada nas medidas colectivas, nesas nas que intervén o goberno.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *