CC-by-sa 3.0, Obra de Crenim, collido de en.wikipedia.org |
Está cantado. O coronavirus será un factor electoral de primeira magnitude. De agora ó 5 A a súa importancia aumentará e só queda por saber o seu impacto, baseado na intensidade -non só da enfermidade, senón tamén da paranoia ou o simple medo- e na decantación cara a unhas ideas e opinións sobre as medidas vistas pola xente como mellores ou peores. Iso, en función tamén de como lles afecten de xeito particular, etc, ou outros factores -está por ver que forzas políticas rematarán asociadas ó coronavirus e cales se erixirán entre a xente como asociadas á defensa da saúde.
O pánico é xa, hoxe, unha profecía autocumprida en moitos lugares, e esténdese de xeito parello. Coido que peor aínda que o virus, pois atende menos ós razoamentos e a prevención. E os efectos, coido que tampouco terán moito que envidiarlle: o virus mata dun xeito, o pánico fai estragos -posibles mortes incluídas- de moitos.
O impacto do coronavirus en relación coas eleccións, evidentemente tamén estará asociado á evolución en termos médicos, e non só en Galicia ou España, senón a nivel mundial. Pois o mundo será un espello no que se mirará o que se fai aquí. E por suposto, ‘no medio’, os medios, como axuste entre unha realidade que se transmitirá como se non estivese iso, ‘mediatizada’, e a sociedade, soliviantada ante unha ameaza que non é capaz de visualizar en termos relativos. Os medios xa están a esaxerar polo mesmo sistema lóxico que mantén os titulares: máis que informe, impacto. É dicir, chega con que haxa un grupo con psicose para que esa mesma psicose, ou as consecuencias dela, escalen ata o titular da noticia, propagando a mesma psicose e contaxiando a un maior grupo social, de xeito máis eficiente quer a propagación vírica. Iso, sen contr coas teorías sobre ocultación de datos.
Non, non se sabe aínda como afectará, pero de aquí a menos de vinte días, comezo de campaña electoral, é abondo probable que poda afectar ós desprazamentos dos candidatos, ou á realización dos mítins, por non falar dos comentarios sobre a xestión da epidemia –na que a bó seguro, a maioría seremos expertos- ou da xestión do medo cidadán -que haberá quen tenda a incrementar para aproveitalo-, entre outras posibilidades que haberá que considerar.
Mentres, a Organización Mundial da Saúde á cabeza doutras institucións sanitarias tenta dicir que que é pouco máis grave que a gripe normal. Pero xa que nestes momentos en toda China (pero poñamos que está concentrado en Wuhan) cóntanse 77 000 infectados, e 2500 mortes, para unha poboación (Wuhan) de 8 millóns de habitantes, podemos visualizar que é algo así como se en Ribadeo se contasen 100 casos e catro mortes nestes dous meses. En Ribadeo, en 2 meses, morren de media 23 persoas, e máis no inverno… Si, é grave, e calquera pode verse afectado, con peor prognóstico para a xente maior, e evidentemente non me gustaría que me afectara, e hai que poñer medidas tan sinxelas como lavar as mans, pero teño abondas máis probabilidades de morrer doutra cousa.
E, nuns dias, a campaña electoral terá un ingrediente inesperado hai un par de meses (ben, daquela tampouco sabíamos da campaña en marzo)