Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Pensando na auga cos pés na terra


  Aló polos 80, o concello de Ribadeo e o centro de Formación Profesional colaboraron de xeito que o principal motivo de iluminación nas festas era un escudo feito no centro. Orgullo para o centro e os alumnos que o fixeron, e aproveitamento tamén por parte do concello. Unha colaboración, como se di agora, win-win entre entidades públicas. Do mesmo feito, a finais desa década, o centro recuperou o cranio e unha mandíbula de cachalotes, nun taller que serviu de experiencia a profesores e alumnos, e logo cedeuno ó concello. Dende aquela, pola contra, tense realizada unha longa experiencia coa privatización. Por exemplo, da auga: o servizo foi alleado de xeito que unha empresa privada corre coa xestión. E, de forma semellante a outras privatizacións de servizo, o concello liberouse unha carga de traballo a cambio de soportar anos despois unha carga no mantemento da traída, a máis de seguir soportando en defensa da cidadanía tódolos inconvintes e queixas como a contaminación do CAVI ou o sabor da auga. Ben, a empresa ten que sacar un beneficio porque é a súa función (non a de subministrar auga, que é secundaria, un medio para o fin do beneficio)

  Non todas as colaboracións entre entidades públicas teñen por que saír ben ou ser útis. Por poñer un exemplo, o uso da Deputación como xeito de axilizar o cobro dalgúns impostos pode brindar unha maior cobertura de recursos, pero iso, que se comezou a facer na segunda metade dos anos noventa cun alcalde que tamén estaba na Deputación, non levou unha diminución de persoal no concello, e si implicou unha dificultade para algunhas reclamacións, ó afastar de Ribadeo a xestión, co que o balance neto non está tan claro como no caso que comeza este texto.

  Hoxe por hoxe, despois de anos de gabanza a nivel mundial das bondades do capitalismo, vese que na cesión de servizos non funciona mellor, nin á postre de xeito máis barato, un servizo privatizado que outro que non o estea: nin os intereses das empresas coinciden cos do servizo, nin os cartos se aplican só o servizo senón tamén á ganancia, nin a xente pode ter o mesmo control, nin se sinte coa mesma responsabilidade, nin o mantemento da rede de servizo a longo prazo interesa como algo que reporte á empresa beneficio. E, mentres a xente segue a perder poder sobre algo do que depende, mesmo vai perdendo a noción de que ese servizo foi público. Naturalmente, casos de xestión pública desastrosa existen, e máis dende que os intereses privados de dirixentes públicos están tan claros como as chamadas ‘portas xiratorias’ deixan ver, co paso de políticos á empresa privada e de dirixentes de empresas privadas ‘chamados’ a ocupar postos de xestión pública.

  Por esa visión cada vez máis clara, e a pesar dos inxentes intereses do capital concernido, estase a reverquer unha serie de privatizacións, en particular no servizo de augas, así como se comeza a levar a cabo a instauración de empresas municipais en campos como os do subministro eléctrico ou internet. É dicir, un fenómeno de execución local que se está dando a nivel mundial seguindo unha mentalidade de servizo, non da chamada riqueza.

  A conciencia da xente de que ten pouca participación na toma de decisións e o seu encadre en grupos que dun xeito ou outro presionan ós mandos da administración dende abaixo, permiten que pouco a pouco os servizos se volvan a contemplar como unha necesidade pública que non é boa idea transfeir a mans privadas.

  Por outra parte, séguese a facer presión sen disimulos en sentido contrario, para privatizar
servizos como a sanidade ou a educación, con pingües beneficios para
empresas privadas e encarecemento e dificultade de acceso para a xente,
mentres se dificulta o funcionamento da prestación pública do servizo. Ou se deixan recolectar e usar datos públicos por parte de empresas privadas para subministrar servizos, nas tan cacarexadas ‘smart cities’, deformando un concepto de intelixencia colectiva en función da intelixencia do capital que recolle os datos. É o que ten un sistema que deixa florecer a corrupción.

  Por certo, dos restos de cachalote cedidos hai trinta anos en Ribadeo non se volveu saber: as institucións non sempre funcionan ben, como sinalei máis arriba.

  Mentres, que sorpresas en relación á auga nos esperan cara ó verán?


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *