Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

CARTEIS ELECTORAIS. Nota de prensa da AVV O Tesón


atención: esta nota de prensa foi enviada pola avv o 9 de xullo, polo que aparece aquí con máis de dúas semanas de retraso

Nas pasadas eleccións, tanto nas xerais como nas municipais, europeas e autonómicas, os distintos partidos políticos ou grupos de electores, afanaronse en despregar todo tipo de publicidade para dar a coñecer as propostas e ideas ós potenciais electores. Usando tódolos medios posibles, en función das posibilidades ecónomicas de cada grupo. Ímonos referir niste caso o concello de Ribadeo.

No tema da economía é onde pode verse a maior diferencia de cada un deles. Isto se reflexa logo no volume, na calidade e na cantidade dos medios empregados, principalmente no número,tamaño e calidade nos carteis colocados. A campaña oficial dura por regulación dúas semanas. Pero a que lle chaman precampaña xa comeza varios meses antes. E non ten límite cara atrás.

Algúns partidos xa fixeron a presentación dos candidatos a principios de marzo. Dende ese intre, faltando tres meses para as municipais, xa se podían ver grandes carteis cos candidatos, acompañados dos seus xefes provinciais e autonómicos, pegados por tódolos os rincóns de Ribadeo. En especial na zona urbana, pero tamén na rural. E aínda a dia de hoxe se poden ver.

En Ribadeo foi aprobada a Ordenanza de Proteción Medioambiental, con data de 10 de xullo de 2006, sendo alcalde o sr. Andina. Esta ordenanza, no Tïtulo VI, Artigo 68, di que quedará prohibido colocar carteis, realizar inscricións ou pìntadas en paredes, muros, fachadas, quioscos, farolas,verxas,valas, papeleiras, contedores, marquesiñas de paradas de autobuses ou mobiliario urbano en xeral.

Tamén di que tan só se colocarán nos lugares onde o concello habilite zonas específicas para facelo. Para cada convocatoria electoral o concello habilita nas parroquias e na vila zonas para a publicidade dos partidos.

En todos istos anos ningunha corporación se preocupou de pór en marcha dita Ordenanza: tódolos grupos levaron e levan nos seus programas actuacións en temas de medioambiente, pero logo teñen dificultade en cumprir o que eles mesmos aproban. Algúns, mesmo parece dubidoso que se propoñan cumprilo. E, se os partidos se saltan as propias normas que eles regulan e aproban, como lle poden pedir os veciños que as cumpran?

A dia de hoxe, despois de pasar máis de 2 meses das eleccións xerais e 1 mes das municipais e europeas, recomendámoslles que fagan un percorrido pola vila e as parroquias, para comprobar o lixo de carteis que deixaron espallados polos lugares mais visibles. Miren como están os muros, paredes, marquesiñas, portas e ventás de edificios abandoados, etc, ás entradas e saíidas, por calquera parte da vila. Non nos dan ningún exemplo neste tema.

É un atrevemento que se poñan a falar do importante que é dar boa imaxe do noso concello, da importancia da paisaxe, de manter limpo e ordenado o concello para un mellor disfrute e convivencia dos veciños. Agora que entramos nos meses principais de vacacións, é una verdadeira “vergoña e desidia” a imaxe ca que se atoparán os miles de turista que nos visitan. Poderíamoslle chamar “FEISMO DA CARTELERÍA”. Por favor, miren a Europa, onde isto o cuidan moito máis. A propósito, o concello de Ribadeo está irmanado co francés de Loctudy. A que non viron alí este desorde que temos aquí? Deberían tomar nota e sacar algo positivo de dita relación para aplicala no noso concello. Non costa diñeiro. Ben, algo si nos costa, cando se desprazan aló. Pero pouco aprenden.

Dende eiquí lles pedimos a tódolos partidos políticos que concurriron ás elecións, que así como tiveron tempo e diñeiro, para colocar a publicidade, que fagan o favor de retirala canto antes, se queren ser coherentes co que predicaron na campaña.

Xa non deberían necesitar ninguna Ordenanza para facelo. Dá a impresión de que esta se fai para que a cumpran os cidadáns. Pois non, son vostedes os que deberían dar exemplo. E non o están a facer. Póñanse xa a limpar o lixo que nos deixaron. Darían exemplo por unha vez e lles quedaríamos agradecidos.

* Unha nota final: o anterior escribiuse a finais de xuño. Hoxe, 9 de xullo, dúas semanas despois, a piques de comezar os indianos en Ribadeo, atópanse menos carteis. Mesmo de dous grupos que non obtiveron representación, nun repaso rápido non vimos ningún. E entre os que si a tiveron hai unha grande diferenza. A lectora ou lector pode comprobalo e ver e aprezar no futuro esas diferenzas. A foto é un collage de varias tomadas hoxe mesmo en tan só dous lugares: o paso baixo a vía e o paso baixo a autovía nas rotondas de acceso dende Asturias.

Asociación de veciños O Tesón


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *