Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Comparación entre o galego e o vasco en relación a unha celebración.


Ribadeo, 7 de maio. Preparando o día das letras galegas, atopamos a unha rapazada marchando pola lingua galega. É o Correlingua, que este ano, na zona de A Mariña, celébrase na vila de Ribadeo. O seu obxecto, a dignificación da cultura galega. A súa organización está baseada nunha distribución zonal, na que intervén a Mesa pola Normalización Lingüística en contacto cos departamentos de Lingua Galega dos centros escolares de cada zona. É un conxunto de actividades festivas que, na práctica, implican só á xente nova, en formación. Ten a marcha, un recorrido, como base ata chegar ó punto final, no que soe haber ao menos música e unhas palabras de exaltación en prol do uso e viveza da lingua.

No nacemento do Correlingua está a Korrika vasca. Esta ‘carreira’, a vasca, tiven ocasión de vela e participar nela este ano. Está organizada por unha asociación de centros de ensino en eúscaro, e na actualidade recorren Euscadi zigzagueando pola súa xeografía noite e día, en relevos de 1 km, a bó paso e cunha distribución temporal ben organizada, necesaria nunha carreira de máis de dez días de duración temporal e 3000 km de recorrido.

Refírome á Korrika porque quedei cunha certa envexa ó aprezar as diferenzas. En primeiro lugar, na Korrika o quilómetro ‘cómprase’. É dicir, as persoas ou organizacións que participan facendo o seu quilómetro, pagan por facelo. A cambio, ese día receben soporte (é unha auténtica caravana o que hai antes e despois de quen está a correr) ou sinxelos chalecos a modo de uniforme en cumprimento das reglas de tráfico con alusións ó que se está a facer. Chalecos que tamén se reparten á beira da estrada a quen se quera unir no momento. Os cartos recadados dan para organizar a Korrika, mais tamén para apoiar o ensino do eúscaro nos centros para maiores. En segundo lugar, a dispersión por Euscadi queda facilitada polo sistema, que tamén permite que se una xente maior e xente miúda cun mesmo esprito. A máis, o recorrido non se cingue só a España, senón que atravesa a fronteira. De feito, a foto adxunta está tomada nun tramo no país vasco francés, no km 749 de Korrika, axustando no cartel ademáis, o fin/comezo de tramo, quen participa (máis ben, quen comprou ese tramo, porque a participación pode incrementarse de xeito substancial), a hora prevista e o día. O evento, bienal, é festivo, pero estimo que sobre todo emotivo e social. A xente á beira da estrada comprobei que pode ou non falar en eusquera (na zona onde estiven comprobei que a lingua vehicular era o francés), pero síntese enganchada no que está a presenciar, de xeito que os máis pequenos únense de forma natural á celebración, cohesionando arredor das emocións unha entidade social no corazón de cada persoa. E se os máis pequenos non poden seguir a marcha, quedan enganchados, emprazados internamente para tentalo na próxima edición. Edición que tamén será en prol do eusquera.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *