Casa da Ría de Ribadeo
Comezan as imprecisións (imos comezar por verbas suaves aínda que non sexan exactas) para facerse oco na campaña local cara as eleccións de dentro de dous meses, eleccións locais de maio de 2019.
O de ‘comezan’ é un dicir, pois de diferentes xeitos xa levan tempo rondando diversas novas, informacións, notas de prensa, etc que constitúen exemplos de precampaña ou mesmo campaña contínua.
Pero voltemos ó título. Agora (hoxe, xoves 28 de marzo, no xornal) di o PP de Ribadeo que eles van a usar o telescopio da Casa da Ría. Noutro momento, con seguridade veremos outras afirmacións de grupos variados (algunhas xa se produciron) pero hoxe, tocoulle a esta, non por ser especialmente importante, senón por estar no lugar e momento oportunos para poder tomar algunha nota.
En primeiro lugar, habería que formular ben a idea da que se trata. É dicir, que (supoño) se propoñen activar o observatorio, promover o uso do telescopio, actuar para que funcione… pero iso sería algo así como facer unha emenda á totalidade, pois non se trata de que (eles) o usen.
Evidentemente hai un fondo na cuestión: nestes momentos, hai un edificio desaproveitado e mal mantido. E diversos puntos nos que se podería incidir (e que non saíron na nova que vin) como as lembranzas dos sucesivos fallos do peche da cúpula e o seu por que, a existencia dun avispeiro entre a contra e o cristal dunha das fiestras do edificio (e o seu por que) ou o medre de árbores da terraza (e tamén o seu por que).
A máis, non se ten en conta algo necesario para clarificar o debate: o telescopio non é do concello. É dunha asociación, Xerfa, que ten un convenio co concello, aínda que agora tampouco esteña en condicións de facer que o concello cumpra coa súa parte.
Lembrando algunha cousa de cando Xerfa tiña máis actividade, negóuselle por parte da Asociación Puente de los Santos unha subvención para modernizar o telescopio e dar un impulso ó seu uso. O motivo que se barallou na xuntanza correspondente da directiva (na que entre o concello de Ribadeo e o de Castropol tiñan o 50% dos votos), segundo trascendeu, foi que a asociación tería que contratar unha persoa para estar alí e manter unha actividade de xeito continuado. Para unha asociación cunltural que nunca tivo ninguén a soldo nin cartos para telo, que organizaba actividades gratuítas, coido que é moito pedir. E máis aínda por parte unha entidade encabezada polo concello e que xestionaba os cartos do plan Leader, e que invertiu nalgún caso abondos miles de euros nun negocio con ánimo de lucro sen producir nin o primeiro e con abandono dos medios de produción (véxase o sucedido con Un puente a tu salud 2.0)
Por outra banda, xa en lugares como o programa de UPRI no 2007 aparecía algo abondo mellor artellado nunha soa frase (ver punto 2 de ‘educación e cultura’).
Non é unha desculpa, senón unha constatación, que o convenio non funciona dende hai tempo. Pero existe. Polo tanto, que un partido fale sen telo en conta é falar sen base. En principio, o que habería que facer sería poñerse en contacto con esa asociación para estudar a situación e reconducir o uso do espazo. Ou sexa, falar en serio, con resultado de propostas e papeis, antes de dar que falar nos medios e fóra deles para a galería.
–