Imaxe cedida ó dominio público, collida de commons.wikimedia.org |
A fin de semana pasada tiveron lugar dúas manifestacións, unha na praza de Colón de Madrid, e outra na praza da Quintana de Santiago, que tiveron diferente tratamento mediático. É complexo tentar unha comparación, pero coido que o tema a merece, ao menos parcial, insertada dentro doutras dúas, a protesta continuada polas pensións e a dos chalecos verdes (esta última ó mellor non te soa… aínda)
As superficies ocupadas pola manifestación madrileña, con autobuses pagados (‘polo partido’, din), era, descontando o terreo das fontes e aumentando algo das rúas laterais, duns 50 000 m2. Non vou entrar en guerra de cifras, pero si dicir que a súa densidade media, á vista das fotos, era algo menor que a da praza da Quintana, con autobuses a pagar polos asistentes, e que ven tendo uns 3 100 m2. Iso ven a significar que, como moito, na manifa madrileña había 16 veces máis xente que na de Santiago. Comparando a poboación de España, 47 millóns, coa de Galicia, 2,7 millóns, sae a máis de 17 veces. É dicir, en importancia relativa, a pesares das condicións para traer a xente, o machaque mediático, etc, foi maior a manifestación en prol da Sanidade Pública en Galicia que a feita polo espectro dereita-ultradereita en Madrid. En cambio, para sinalar o tratamento dos medios informativos, só dicir que nos medios a nivel estatal non se podia atopar nova algunha sobre a manifestación en Galicia, mentras que a madrileña ocupaba varias páxinas, a máis dos artigos dos comentaristas. Nos medios ‘galegos’, a portada era para a manifestación madrileña, que acaparaba tamén os comentarios, con artigos interiores menores en tamaño para a da Sanidade Galega. Sería porque o xefe do goberno galego foi a protestar a Madrid evitando as protestas moito máis concretas e verdadeiras que as madrileñas (con manifesto que o principal partido convocante recoñece que ten só ‘gran parte de veracidad‘). E así, imos cambiando ó son que nos toca (iso pretenden): hai tempo, foi ‘España’ (unha versión, claro), logo, a ‘Marca España‘, agora a ‘España moral’…
Mentres, hai máis dun ano que comezaron as protestas dos pensionistas, e son recollidas de xeito moi diferente polos medios. Mentres que é evidente que por termo medio van medrando en importancia (e para mostra, a de Ribadeo), o cansanzo dos medios despois de non darlle recoñecemento inicial e ter un pico nas noticias cando xa era inevitable, fai que queden relegadas ás informacións locais, e que, na información por termo medio, se opte por dicir que a houbo máis que por recalcar os puntos que son reclamados e a actualidade das reclamacións.
E mentres, a nivel mundial está a medrar o clamor dos chalecos verdes.
?
Si, está lanzada a convocatoria da School strike for climate, folga escolar múltiple (pasada, presente e futura) polo clima, co lema ‘Deixade de roubarnos o noso futuro!‘. Escolar, si, pero en marea crecente, que puiden ver notificada ata o momento en poucos medios a nivel estatal, e máis como curiosidade que como nota dunha acción. Mais supoño que hoxe mesmo aparecereá xa en máis, así é o mimetismo da prensa. Un cachondeo? Non lle pareceu así á xente con poder cando no elitista Foro de Davos invitaron á primeira convocante, unha rapaza sueca de tan só 15 anos…
E é que, por moito que se empeñen as ‘macromanifestacións’ quencidas pola prensa, o mundo está a cambiar…